02 Xan Un propósito de convivencia para o ano que comeza
Como é tradición por estas datas, apuramos a facer balance do ano que remata e unha lista de bos propósitos e desexos para o ano que comeza. 2023 deixa moitas cousas para o recordo e para a historia da entidade. Foi o ano do 25 aniversario do Programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, data que celebramos por todo o alto cun congreso de tres días en Ourense. Ata alí achegáronse case 300 persoas e expertos de diversas partes do mundo. Como outro dos fitos de 2023, estreamos tamén a obra de teatro ‘Soños’ no Teatro Principal de Santiago. Tivemos moito que celebrar.
Porén, rematamos decembro co descorazonador ataque cara a exposición ‘Resalire’ en Ourense. Atopamos a metade das fotografías das mozas e mozos tutelados destrozadas. Ademáis, detectamos un ensañamento progresivo e maior segundo máis oscura era a cor de pel do rapaz. Un delito de odio intolerable na nosa sociedade. A este, respondemos cun acto simbólico de reparación das fotografías danadas. Ademais da Universidade de Vigo, estivemos acompañadas por gran parte da veciñanza de Ourense que apoia a diversidade e a xustiza. Ata alí levamos unha mensaxe clara: #StopODIO.
Ese é o propósito co que comezamos este 2024.
As fotografías realizadas por Fuco Reyes para ‘Resalire‘ seguirán en pé. Continúan percorrendo as diversas cidades e vilas galegas, espallando esa mensaxe de convivencia, diversidade e respecto. Igual que a obra de teatro ‘Soños‘, que dirixe Tamara Canosa, e que xa chegou a moitos centros educativos galegos. Nas novas xeracións é onde debemos poñer a confianza dun mundo máis xusto. Cremos firmemente na cultura como unha ferramenta poderosa para falarlle á cidadanía cara a cara. Unha ferramenta que, neste caso, serve para loitar pola desestigmatización da mocidade tutelada.
Elas e eles, as mozas e mozos do sistema de protección, son os protagonistas, o motor do noso día a día, tamén no 2024. Agardamos que este ano traia cousas boas en todos os sentidos e que poidamos seguir contando cunha rede de apoio tan grande como ata agora. Mesmo máis, para poder seguir traballando na transición á vida adulta de moitas mozas e mozos.