15 Xuñ A loita polo benestar da mocidade do Sistema de Protección: mudar a realidade para mellorar a súa calidade de vida
Chegamos a unhas eleccións xerais nas que decidiremos, como cada catro anos, o camiño que debe tomar a nosa sociedade. Dende o noso traballo diario queremos pedir a todos os partidos, e mesmo á sociedade civil, que se impliquen co benestar das mozas e mozos que saen do sistema de protección de menores. debemos garantir a súa integración social e que sexan quen de construír o futuro que elas e eles desexen.
É responsabilidade de todas e todos, asegurar a equidade e a igualdade de oportunidades para aquelas nenas e nenos en situación de vulnerabilidade, con especial atención aos que creceron no sistema de protección de menores. Na actualidade, son un colectivo que sofre dunha altísima taxa de fracaso escolar, o que complica o seu acceso a traballos ben remunerados e estables. Esta dificultade para acceder á estabilidade afecta tamén á autoestima e á saúde mental.
O contexto actual, cos altísimos prezos da vivenda, o aumento da cesta da compra, o prezo da electricidade… Pon moi difícil á xente nova a saída independente da vivenda familiar, de feito a idade media de independencia en España sitúase nos 30 anos. A pesar de que en Galicia a cobertura para a xuventude procedente do sistema de protección pode verse prolongada ata os 25 anos, estas mozas e mozos saen ao mundo sen rede e moito antes que o resto de persoas da súa idade. Se algo vai mal na súa traxectoria laboral, carecen dunha familia que lles dea soporte ou lles ofreza unha casa se non poden facer fronte aos recibos.
Ante este contexto, vémonos preparando a transición á vida adulta de 250 mozas e mozos cada ano, que en moitos casos carecen do título da ESO, e que a partir dos 25, ou incluso antes, deben ter un emprego estable que lles permita pagar mensualmente un aluguer e todos os gastos derivados do mesmo. Percibimos a necesidade urxente de facer un seguimento posterior de estas persoas que lles permita contar con esa rede que teñen, de forma natural, a maioría da mocidade.
Debemos traballar nun pacto de Estado pola xuventude que garanta a posibilidade de crear un plan de vida para as mozas e mozos, con especial atención á mocidade ex tutelada. Hai que traballar dende xa na equidade educativa, que lles permita sortear a pesada mochila coa que cargan e que os conduce ao fracaso escolar. Debemos reforzar a atención psicolóxica durante toda a infancia e xuventude. Traballar no acceso á vivenda, como piar fundamental da vida independente e da autoestima da mocidade. Tamén compre garantir o libre acceso á cultura e ás actividades de lecer para as e os mozos que carezan dos recursos necesarios.
Atender á infancia e á xuventude coidando da súa saúde mental e correcto desenvolvemento e traballar na erradicación do fracaso escolar é algo no que todas e todos temos que estar de acordo. Non facelo é perder unha oportunidade, non só de ter unha sociedade máis xusta, senón tamén unha sociedade máis saudable, segura e competente nun mundo cada vez máis globalizado.
Foto: Agostiño Iglesias
Programa cofinanciado polo FSE+Galicia