Unha materia pendente

Varias noticias de actualidade poñen o foco de novo na educación sexual das nenas, nenos e adolescentes. Por unha banda, unha crecente preocupación das familias ante o acceso indiscriminado dos seus fillos ao porno en internet a través dos seus teléfonos móviles. Isto levou ao Goberno a comprometerse a frear este acceso: unha lei está en camiño para restrinxir os contidos que os menores poden ter á súa disposición.

Por outra banda, nos adolescentes maiores e mozos, principalmente varóns, estase a detectar certa animadversión cara o feminismo e a igualdade entre o home e a muller. Segundo unha enquisa recente do CIS, a metade dos rapaces de entre 16 e 24 anos creen que os discriminados agora son eles. Como pode afectar isto nas súas relacións?

Todo nos leva ao mesmo tema, a unha falta de coñecemento por parte dos máis novos da educación sexual, do feminismo, das novas masculinidades, da responsabilidade afectiva ou das realidades LGTBIQ+. A educación sexual nas aulas é esencial para corrixir estes comportamentos e frear a violencia de xénero nun país no que, en 2023, 55 homes mataron ás súas parellas ou exparellas. Pero esa educación, polo de agora, é voluntaria: recae na decisión única dos centros educativos e na súa aposta por levar estes temas ás aulas.

Os beneficios da educación sexual desde pequenos están estudados: redución de riscos, iniciación sexual tardía, maior concienciación do uso de anticonceptivos e mellores actitudes relacionadas coa sexualidade, entre outros. É importante que as expertas e expertos cheguen aos colexios e estes sexan espazos de debate, aprendizaxe e confianza. Primeiro coas rapazas e rapaces, pero tamén co profesorado, que ten dereito a formarse sobre a educación sexual.