Por unha educación afectivo sexual desde a infancia

Cremos nun modelo educativo que cumpra dereitos e sirva de antídoto contra a discriminación

As nenas e nenos asimilan os estereotipos de xénero xa a partir dos 6 anos, segundo estudos recentes da OMS. En Igaxes apostamos por impartir Educación Afectivo Sexual desde Ensino Primario por estes motivos:

Porque crecen ano a ano os delitos contra a liberdade sexual

Os datos oficiais do Ministerio de Interior din que en 2018 houbo 540 casos en Galicia (un 17% máis ca o ano anterior) e os datos de 2019 volverán superar esta cifra. Só no último ano aumentaron máis dun 50% os delitos exercidos contra mulleres menores no conxunto do Estado.

Porque persisten os estereotipos machistas na adolescencia

Falsos mitos do amor romántico, violencia de control, sexting forzado… Son formas de violencia que adoito quedan ocultas porque nin vítimas nin agresores aprenderon a detectalas.

Porque a pornografía xa é un modelo a imitar

Aos 14 anos, a maioría dos adolescentes homes xa ven pornografía en internet. Son contidos machistas, vexatorios e violentos contra as mulleres. Cada vez máis rapazas reportan condutas agresivas e falta de empatía nas súas parellas sexuais.

Porque o acoso escolar ao alumnado LGTBI é o maioritario

Cando vai unido á falta de apoios na casa e na escola ten consecuencias emocionais devastadoras. Segundo o Observatorio Español contra a LGTBIfobia, os intentos de suicidio entre a mocidade LGBTI son de tres a cinco veces máis numerosos.

Porque segue a ser unha cuestión de saúde

A poboación moza usa menos que antes o preservativo e medran os casos de infeccións por transmisión sexual (Ministerio de Sanidade, 2019). Ademais a metade afirman que tiveron máis condutas sexuais de risco despois de ver pornografía.

Porque a propia mocidade o reclama

O 79% da poboación entre 16 e 29 anos di que non tivo unha educación sexual satisfactoria. Non lles falaron de sexo na casa nin na escola, ou non o suficiente como para resolveren dúbidas ou interiorizar valores. A súa enciclopedia é Internet.

Porque é un dereito máis

Está na Convención de Dereitos da Infancia. Todas as nenas e nenos teñen dereito á educación. A desenvolveren a súa personalidade e capacidades baixo os principios de liberdade, respecto e tolerancia. Porén, estes principios non están garantidos cando miles de escolares están a ser vítima dalgún tipo de discriminación.

Que pedimos?

Que Educación Afectivo Sexual exista como materia no currículum de Ensino Primario e Secundario, con estas prioridades. 

  • que teña o foco na igualdade de xénero, na prevención de condutas machistas e na tolerancia cero coa violencia contra as mulleres. 
  • que promova o total respecto á diversidade e a todas as identidades e orientacións sexuais; 
  • que fomente a capacidade crítica e analítica ante os estereotipos de xénero para compensar os efectos da nova pornografía 
  • que atenda a cuestións sexuais e sanitarias, pero tamén á expresión de emocións e ao desenvolvemento dos afectos.  

Compárteo

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.