Dereito a un teito

Comezada unha nova lexislatura, e en vista da necesidade de diálogo e pactos para sacar adiante cada medida, é tempo de volver poñer sobre a mesa a necesidade dun consenso de estado sobre o dereito á vivenda e o seu acceso; un problema cada día máis visible nas nosas cidades e vilas.

A falta de vivenda en España explícase por varios motivos, como o alto prezo da vivenda (o prezo de compra subiu un 3.5% con respecto a 2022), o incremento constante do prezo do aluguer (en Galicia supera xa os 300€ de media), o escaso número de vivenda social (apenas un 2.5%) ou a falta de fondos e orzamentos destinados á vivenda. Os datos son do “Observatorio de vivenda asequible” da Asociación Provivienda.

Estes números teñen consecuencias. Nos últimos anos vimos como se incrementaron os desafiuzamentos e o número de persoas sen fogar. Unha realidade alarmante que require medidas públicas. Na xuventude tutelada este problema agrávase. O número de mozas e mozas que non pode emanciparse no noso país está aumentando precisamente polos altos prezos da vivenda. Desde o 2016, a taxa de emancipación non supera o 20% na poboación de entre 16 e 29 anos. Se os mozos do sistema de protección se ven obrigados a emanciparse con 18 anos, corren o risco de quedar nunha situación total de exclusión socioeconómica. Programas como o Mentor axudan a que esa transición sexa máis asequible.

Como se pode solucionar? A resposta está na política e na súa capacidade e obriga de mellorar a vida das persoas. Agora mesmo en España hai activas diversas medidas, como o Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, que conta con programas de incremento do parque público de vivenda e fomento do alugueiro social. Outra medida é o Bono de Alugueiro para persoas mozas. O camiño futuro debe ser aínda máis ambicioso, para non deixar a ninguén atrás.

 

Programa cofinanciado polo FSE+Galicia

Foto: Agostiño Iglesias