01 Abr Un rural por e para as persoas
A construción de redes é un traballo moi importante para a xuventude do sistema de protección no seu camiño cara a independencia. Cando non se conta de base co apoio dunha familia, debemos buscar unha man amiga entre as veciñas e veciños, nas amigas e amigos, compañeiras e compañeiros de estudos ou traballo.
Estas redes son, tradicionalmente, un aspecto esencial da vida no rural. Lugares máis illados, menos conectados, con peores infraestructuras e comunicacións, pero que suplen esas carencias co valor do factor humano. Reivindicar mellores comunicacións e mellores infraestructuras é imprescindible, por suposto, para asegurar un futuro próspero nestas zonas. Pero que nos queda cando todo ese sistema falla? As persoas.
O lugar onde decides construír a túa vida non debería ser unha barreira. Por iso, seguimos traballando para que o rural poida ser un lugar de oportunidades. Temos moito que celebrar nese sentido. Historias como a de Séfora, unha moza de Chantada, que acaba de obter o carné de conducir. Este paso, para unha moza do rural, é importantísimo se o miramos desde o prisma das oportunidades laborais e a conexión coas persoas.
Tamén no ámbito laboral, e desde a vontade de seguir construíndo redes, comezamos no Barco de Valdeorras unha formación en hostalería, para poñer ás mozas e mozos en contacto coas empresas dispostas a contratar deste sector. As formacións ad hoc, coma neste caso, demostran a importancia de saír ao mundo laboral preparados e con coñecemento do terreo.
Estas historias son só algúns exemplos que demostran que o rural está vivo, e estará vivo, sempre e cando se traballe por e para as persoas que o habitan. O seguinte paso, será reivindicar que as administracións se fixen tamén nas áreas non urbanas. Para que non recaia todo o esforzo na veciñanza, entidades e empresas asentadas no rural.
Programa de tránsito á vida adulta, autonomía e emancipación para persoas en situación de vulnerabilidade en zonas non urbanas