As cousas puxéranse moi difíciles para ela. Xa pasara un ano desde que saíra do centro de protección no que vivira. En Ourense non atopaba traballo e os aforros que lograra xuntar estaban a esgotarse.
“Ao principio víame sobrada”, recoñece. “Pensaba que non importaba estar sen traballo con tal de estar a gusto. Co tempo decateime de que iso tiña que cambiar“.
Buscou ese cambio no seu sector, a hostalería. A oportunidade non chegaba. No seu piso eran catro e gastaba pouco, pero necesitaba ingresos. Tampouco tiña un respaldo familiar co que contar.
Ata que un día recibiu unha chamada. A súa técnica de inserción do Programa Mentor propoñíalle participar nun novo programa. Era unha oportunidade para atopar un emprego e iniciar unha nova vida.
Esa oportunidade estaba en Monforte.
Yaiza xa se sente cómoda na súa nova localidade. É axudante de cociña dun restaurante no que vén de renovar contrato. “Estou cómoda no traballo porque sei que o estou facendo ben. Ás veces síntome insegura, pero aínda que faga algo con medo, sei que podo facelo“.
Ademais, coas prestacións do programa pode vivir no seu propio piso, que comparte cunha compañeira de traballo. Tamén lle permiten seguir formándose en cociña e matricularse na autoescola. Axiña obterá o permiso de conducir.
A cuarta parte da cidadanía galega vive en zonas non urbanas. Pero son 150.000 persoas menos que hai 20 anos.
O Programa de Tránsito á Vida Adulta en Zonas Non Urbanas proponse crear oportunidades para que a mocidade, en especial a máis vulnerable, poida quedar no seu lugar de orixe.
É unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia, a Unión Europea e o Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España. Igaxes é a organización que xa desenvolve este programa en 80 municipios de Ourense e Lugo. Desde a Ulloa ata o Val de Lemos, do Ribeiro a Valdeorras.
Poder quedar significa poder traballar, acceder a unha vivenda, poder formarse. Pero tamén formar parte da comunidade, con opcións de tempo libre, con persoas referentes e xente en quen confiar. Por iso o programa colabora intensamente co empresariado local, servizos municipais e tecido asociativo en cada territorio.
Agora Yaiza está satisfeita co seu presente. Como se imaxina dentro de cinco anos? “Vou seguir traballando e tamén traballar en min mesma”, di, “coñecerme máis”.
O seu desexo é moi claro. “Quero seguir estando en tranquilidade con todo. É a primeira vez que teño iso“.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.