Por unhas políticas efectivas de infancia e xuventude

Cada cita electoral é unha nova oportunidade de renovar o compromiso coa infancia e a xuventude vulnerable de Galicia. Son moitos os retos que debe enfrontar o novo goberno que saia das urnas este 18 de febreiro, xa que a situación non é a máis alentadora. En España, o 27,8% dos nenos e adolescentes viven en fogares en risco de pobreza. Se non cambian as dinámicas sociais, políticas e económicas, os índices de pobreza irán a máis, como unha herdanza que pasa de pais a fillos con difícil freada.

Como podemos parar a roda da desigualdade? Propoñemos unha serie de medidas próximas e accesibles, que poidan traducirse en políticas públicas galegas a partir do 18 de febreiro.

  • Loitar contra a estigmatización do colectivo de mozas e mozos tutelados. Recentemente puidemos comprobar co ataque á nosa exposición ‘Resalire’ en Ourense como aínda se marxina e culpabiliza á mocidade tutelada.
  • Garantir o acceso á vivenda da xuventude tutelada. A vivenda é un dos grandes retos actuais, máis se falamos da poboación máis nova, pero aínda máis cando pertencen ao sistema de protección. Estas mozas e mozos saen do sistema sen ningún tipo de garantía, e precisarían axudas concretas e específicas para asegurar o acceso a unha vivenda digna.
  • Previr o fracaso escolar por razóns de pobreza ou exclusión social. Comprobamos como estes factores inciden negativamente no desempeño educativo dos mozos, que en moitas ocasións deben priorizar traballar para poder vivir e non poden estudar.
  • Coidar da saúde mental da mocidade. Todos os factores anteriores afectan á saúde mental dos máis novos. É unha prioridade contar con programas específicos para coidar da súa saúde mental.
  • Traballar desde a prevención coas familias para evitar situacións de abandono. Dotalas de competencias na crianza.
  • Mellorar as condicións laborais das traballadoras reforzando os servizos sociais e subindo os salarios.

 

Son algunhas das medidas máis urxentes que afrontar nesta nova lexislatura, as que permitirían comezar con bo pé nese camiño cara a igualdade real entre todas as nenas, nenos, mozas e mozos. Para que ninguén teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobreza ou exclusión social.