A convocatoria de axudas ao alugamento esquécese da xuventude ex tutelada

Unha oportunidade perdida. As mozas e mozos ex tutelados non serán considerados colectivo preferente á hora de acceder ás axudas de alugamento de vivenda.

A Orde de convocatoria pública, emitida pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia e publicada no DOG o 28 de xuño de 2018, non fai ningunha mención expresa á xuventude ex tutelada.

Malia as peticións realizadas, e como xa sucedía no texto do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 -dentro do cal se enmarca esta Orde-, o colectivo non figura entre os de acceso preferente nin se considera prioritario en caso de empate.

A xuventude ex tutelada precisa políticas de discriminación positiva pola súa excepcional vulnerabilidade. Non mencionala nun plan de vivenda implica considerar que saen ao mundo en igualdade de condicións que o resto da xuventude, cando en absoluto é así.

Foron protexidos pola administración mentres foron menores. Cando saen do sistema de protección non teñen unha casa familiar á que volver. Están especialmente afectados polo desemprego e a temporalidade laboral. Precisan unha solución de continuidade en termos de vivenda para non quedaren desprotexidos.

O pasado 12 de abril trasladamos unha petición formal ao Instituto Galego de Vivenda e Solo solicitando o acceso preferente destas mozas e mozos ás axudas ao alugamento. E tamén que teñan acceso directo e gratuíto á vivenda pública cando saian do sistema de protección. 

Desoída a primeira proposta, que consideramos unha oportunidade perdida, en igaxes seguimos solicitando:

  • Que na creación da Rede galega de Vivendas de Inserción se realice unha reserva do parque total de vivendas para o acceso directo de mozas e mozos ex tutelados pola Xunta de Galicia menores de 35 anos.
  • Que a duración mínima da súa estadía na vivenda sexa dun mínimo de 2 anos con opción de prórroga.

Toda a xuventude ex tutelada debe poder acceder a unha vivenda digna


Quero coñecer as campañas de igaxes e acepto a política de privacidade

Africa e Mikel mirando a cámara

“Queremos acabar co estigma”

A maioría de mozas e mozos tutelados medran sen o apoio dunha familia. E cada día teñen que facerlle fronte a un estigma moi inxusto.