Garantía de vivenda para a mocidade ex tutelada

Pedimos garantía de vivenda para a mocidade ex tutelada

Vimos de presentar unha proposta ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo para que se garanta o acceso á vivenda das mozas e mozos que saen do Sistema de Protección de Menores

A idade media de emancipación en Galicia é de 29 anos. Pero a mocidade ex tutelada debe asumir a súa saída ao mundo a partir dos 18. E a maioría ten que facelo sen o apoio dunha familia.

Ao non teren casa familiar á que volver, deben afrontar a súa emancipación como un salto sen rede. Por mor da súa situación persoal e á falta de programas educativos específicos, o seu nivel medio de formación é baixo ou moi baixo, o que lles impide acceder en igualdade de oportunidades ao mundo laboral.

A falta de oportunidades de traballo, a curta duración dos contratos e os baixos salarios fan moi difícil asumir os gastos propios dunha vivenda e da vida independente. E mesmo encontran dificultades para acceder a unha vivenda en alugueiro por non poderen achegar avais ou careceren de ingresos estables.

Por iso vimos de presentar ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo unha petición formal para que: a) a xuventude ex tutelada teña acceso directo e gratuíto a vivenda pública cando saia do sistema de protección; e b) que teña acceso preferente á hora de optar ás axudas de ata un 50% da súa renda mensual de alugueiro.

En concreto, solicitamos:

  • Que na creación da Rede galega de Vivendas de Inserción se realice unha reserva de entre un 10% e un 20% do parque total de vivendas para o acceso directo de mozas e mozos ex tutelados pola Xunta de Galicia menores de 35 anos.
  • Que a duración mínima da súa estadía na vivenda sexa dun mínimo de 2 anos e que, unha vez finalizado este prazo, se contemple opción de prórroga no caso de que a persoa beneficiaria estea desempregada ou non dispoña dun contrato de traballo en vigor dunha duración mínima de 6 meses a tempo completo.
  • Que, dentro da convocatoria de subvencións da Comunidade Autónoma -e segundo o previsto no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021-, as mozas e mozos ex tutelados poidan acceder a un 50% da súa renda de alugueiro durante un mínimo de 3 anos.