26 febreiro 2021 – Os datos desta semana son esperanzadores. Pero algúns días cústanos avanzar. Podemos sentirnos máis cansas do normal, máis desmotivadas. Tanto tempo de incerteza pesa sobre os nosos ombros.
En realidade estamos a vivir unha segunda epidemia, menos visible. Polo menos unha de cada tres persoas está a padecer síntomas de ansiedade ou depresión, segundo o Consello Xeral de Psicoloxía de España.
O risco de padecelos é maior entre as persoas en situación vulnerable. Tamén nos fogares onde a pandemia golpeou máis forte. Son miles de fogares onde viven nenos e nenas.
Cando a situación na casa é difícil, isto afecta á infancia de moitas formas. Afecta a súa alimentación, a súa educación, a súa saúde física. Afecta, e moito, a súa saúde emocional.
Aínda que non acaben de entender, perciben que hai un perigo capaz de alterar as súas vidas. Síntense desprotexidas. E os adultos non sempre nos damos conta.
Ás veces esquecemos que a adolescencia é un momento para experimentar. Para vivir cousas novas, compartilas cos iguais. O cerebro cambia rapidamente e busca estímulos. Anima a explorar o mundo. Pero agora non é posible explorar o mundo.
Para que as nenas, nenos e adolescentes se sintan protexidos, non hai nada máis importante que unha familia.
Ás veces, nin sequera a familia é suficiente. Despois de tanto tempo sen saír, de compartir espazos tan pequenos, a convivencia pode enrarecerse. Levamos tensións dentro que afectan as persoas que temos ao noso redor. A nosa angustia acaba sendo a súa angustia.
Dun simple mal xesto, dunha mala palabra pode nacer un conflito. Querendo achegarnos, ás veces distanciámonos. Cremos saber o que os nosos fillos e fillas necesitan, pero non sempre acertamos.
Por todo isto segue sendo imprescindible o apoio humano.
Seguimos moi cerca das familias para axudarlles a aliviar o peso emocional que trae este momento. A resolver as situacións de conflito ou malestar. A restaurar un clima protector e de apoio mutuo.
Queremos facerlles sentir que non están soas. Porque coidar da infancia é coidar de toda a familia.