Todas as persoas necesitamos alguén que nos escoite, que nos guíe en momentos decisivos e que nos dea apoio cando as cousas se complican. Na maioría dos casos, esa figura de referencia atópase dentro da familia: nais, pais, irmás ou avós. Eles nos axudan a tomar decisións e a avanzar con máis seguridade na vida. Pero, que pasa cando esa rede non existe? Para moitos mozos e mozas que medraron no sistema de protección, chegar aos 18 anos significa afrontar a vida adulta en soidade.
O Programa Referentes nace para ofrecer ese apoio esencial a mozas e mozos en situación de vulnerabilidade que non tiveron a esas figuras preto. A través deste programa, persoas voluntarias convértense en figuras de referencia para quen está dando os primeiros pasos cara á independencia. De este xeito, proporcionándolles acompañamento emocional, orientación e unha rede de apoio estable.
Referentes baséase na creación de vínculos estables e significativos entre mozas e mozos tutelados e persoas voluntarias que se comprometen a acompañalos na súa transición á vida adulta. Cada parella refórzase a través de encontros periódicos, actividades conxuntas e unha relación baseada no respecto e a confianza.
Desde Igaxes, facilitamos formación e apoio continuo para que as persoas voluntarias poidan ofrecer a mellor experiencia posible. O obxectivo non é substituír un rol familiar, senón converterse nun punto de referencia estable. Que axude a afrontar retos cotiáns, tomar decisións ou simplemente compartir momentos de lecer e aprendizaxe.
Referentes non é un programa de mentoría tradicional. Non se trata de ofrecer un servizo, senón de crear unha relación de confianza. Desta forma permítese que cada mozo ou moza teña alguén ao seu carón. Así poden compartir inquedanzas, tomar decisións ou simplemente saber que pode contar con esa persoa. O obxectivo é que esa relación sexa natural, baseada no respecto e na liberdade de ambas partes.
O impacto do Programa Referentes vese reflectido na mellora da autonomía, autoestima e seguridade das mozas e mozos participantes. Ter unha persoa de confianza á que acudir nos momentos clave facilita a súa integración social e laboral, reducindo o risco de exclusión e aumentando as súas oportunidades de futuro. Para as persoas voluntarias, esta experiencia tamén é transformadora. O acompañamento e o vínculo que se xera permite aprender, crecer e comprender mellor a realidade da mocidade extutelada, creando lazos que moitas veces duran toda a vida.
Ser referente non só transforma a vida de quen recibe ese apoio, senón que tamén cambia a perspectiva da persoa voluntaria. As experiencias compartidas, os aprendizaxes mutuos e a conexión creada entre ambas partes fan que esta sexa unha experiencia enriquecedora e beneficiosa para ambos. Socializan ambas figuras e aprenden un do outro.
A independencia non significa camiñar só. Igaxes, seguimos traballando para que ningunha moza nin mozo teña que facelo en soidade. A túa compañía pode ser o apoio que alguén está agardando. Se queres formar parte deste cambio, anímate a ser referente.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.