Cómo identificar un discurso de odio

Nos últimos anos, os discursos de odio dirixidos á infancia e as mozas e mozos tutelados medraron de forma alarmante. Moitas veces, estes discursos non se presentan de maneira explícita, senón que se agochan tras titulares sensacionalistas, comentarios aparentemente inofensivos ou memes que se viralizan en redes sociais. Por iso, aprender a cómo identificalos é o primeiro paso para combatelos.

Los menores tutelados en los medios de comunicación

Cando o odio se disfraza de opinión

Non todo comentario crítico é un discurso de odio, pero cando ese comentario incita ao rexeitamento, á exclusión ou á discriminación dun colectivo vulnerable, debemos prender todas as alertas. E máis aínda se ese colectivo non ten os medios ou a forza para responder. Isto acontece moitas veces coas mozas e mozos extutelados. Son deshumanizados e sinalados sen matices, dentro de estereotipos e ideas preconcibidas coma “delincuentes” ou “carga para o sistema” 

Fomos testemuñas de exemplos claros con titulares nos medios que non só focalizan a atención na condición de tutela, senón que insinúan que ese feito violento está relacionado con ela. Non se di “un adolescente” ou “un mozo”, senón “menor tutelado”, construíndo así un relato que criminaliza a súa situación de protección. Se esa moza ou mozo e unha persoa racializada, a linguaxe agresiva explícita aumenta, e se lles vincula directamente coa inseguridade cidadá.

A realidade dos menores tutelados

As formas que adopta o discurso de odio

O odio non sempre berra, moitas veces fala miudiño ou lese entre liñas moi sutís, empregando recursos coma:

 

  • Xeralizacións: “Todos os menores tutelados son…”
  • Asociacións: Vincular sistematicamente a un colectivo con feitos negativos, coma a violencia ou delincuencia.
  • Ridiculización ou humillación: A través de bromas, memes ou comentarios en redes que restan valor ás súas vivencias.
  • Deshumanización: Falar deles como números, problemas ou “expedientes”, sen poñerlles nome.

 

Todo isto constrúe unha narrativa que xera medo e rexeitamento. E ese medo, coma xa sabemos, tende a propagarse.

 

Un efecto chamada

Os titulares que estigmatizan non quedan nos xornais. Saltan ás redes, ás conversas, os comentarios e, o que é máis grave, ás políticas públicas. Alentan o medo, alimentan o prexuízo e lexitiman actitudes e decisións que prexudican a integración destas mozas e mozos. A súa realidade, xa de por si marcada por obstáculos faise aínda máis dura.

Moitas veces non se lles aluga unha vivenda, ou on se lles dá unha oportunidade laboral. O estigma convértese nunha barreira máis, sumada á falla de recursos, de rede de apoio ou á súa idade. 

Como recoñecelo e actuar

Podes identificar un discurso de odio se:

 

  • Desvaloriza ou criminaliza a un colectivo vulnerable.
  • Emprega etiquetas reducionistas (“mena”, “problemático”, “delincuente”) para definir persoas.
  • Apela ao medo ou á alarma social sen base rigorosa.
  • Non contextualiza nin ofrece datos obxectivos.
  • Culpabiliza a un colectivo dos problemas da sociedade.

 

Ante isto, a responsabilidade é compartida: medios de comunicación, administracións, entidades sociais e cidadanía. Todos temos o deber de denunciar, de non compartir contido falso ou sensacionalista e de fomentar un discurso alternativo baseado no respecto, na verdade e na humanidade. 

comentarios en las redes

O noso compromiso: contar a verdade

En Igaxes traballamos cada día con esta mocidade. Coñecemos os seus nomes, os seus esforzos, e as súas historias. Sabemos que hai moito máis detrás de cada un que o que amosan algúns medios. Son a mocidade que estuda e traballa, a que ten que independizarse dez anos antes que a media, e son, en moitos casos aínda, nenas e nenos que malia todo, seguen adiante.

Precisamos máis apoio, máis políticas públicas que garantan o acceso á vivenda, á educación, á saúde mental. Pero tamén necesitamos máis respecto, máis responsabilidade informativa, e máis voces que se levanten fronte ao odio. 

Non se pode falar de convivencia nin de inclusión mentres se constrúe un relato cheo de medo e rexeitamento. As mozas e mozos extutelados precisan que deixemos de sinalalos como culpables, para comezar a velos como o que son: parte da nosa sociedade e do noso futuro. 

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.