Todos e todas precisamos de certa estabilidade e apoio no entorno para crecer e vivir, e máis nun momento clave como o é a adolescencia.
En Vigo a rapazada da vivenda tutelada está colaborando coa veciñanza para poñer a andar un solar cedido, durante dous anos, polo propietario. A iniciativa de desenrolo comunitario está impulsada polo Programa Participa, da Fundación Emaús e Provivenda.
Algúns veciños queren poder organizar aniversarios, outros queren un lugar onde poder reunirse. Jonathan, un dos rapaces da vivenda, querería poder organizar unha “batalla de galos” cos amigos. Entre todos e todas están construindo un espazo para gozar en comunidade durante eses dous anos que dura a cesión do solar.
Coñecer aos veciños, crear amizades e traballar xuntas por un obxectivo común. É unha aprendizaxe vital moi fermosa e unha oportunidade para crear redes de apoio que as rapazas e rapaces en risco non sempre logran. Para conseguilo tes que ter unha vivenda estable e dispor de tempo de lecer, e isto é o que pretende o programa MENTOR (Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo).
Dende Igaxes queremos facilitar a estabilidade para que os e as rapazas crezan coa liberdade de crear os seus futuros.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.