Ningún mozo e ningunha moza do rural sen futuro

Queremos apoiar aos mozos e mozas do rural para que poidan ter un futuro no seu propio lugar de residencia

Mocidade tutelada rural

Cada vez é máis difícil para a xente nova construír un proxecto de vida no rural. O envellecemento poboacional e a escaseza de servizos  provocan que moitos mozos e mozas se vexan obrigadas a migrar ás cidades. En moitas ocasións, está é a única maneira que teñen de encontrar oportunidades laborais.

A situación é aínda peor para as que se atopan no sistema de protección. Xa que ás dificultades de medrar no rural súmanselle a ausencia dunha estrutura familiar, os altos niveis de fracaso escolar, e as cargas emocionais elevadas. Por esta razón, dende Igaxes comezamos un novo programa que ten como obxectivo apoiar aos mozos e mozas tuteladas e en risco de exclusión do rural para que poidan formarse e atopar traballo no seu propio lugar de residencia.

 

Como se levará a cabo?

O proxecto, financiado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, desenvolverase durante o período 2022-2023. Durante este tempo, priorizarase  xerar vínculos coas empresas locais e fomentar o emprendemento e a formación destes mozos e mozas.

Ademais, tamén se lles cubrirán os gastos de aluguer e transporte ata que conten cun salario consolidado. Por outra banda, unha das pezas chaves do programa é a promoción da colaboración co movemento asociativo, deportivo e cultural da zona para xerar vencellos de lecer saudables.

É fundamental que os mozos e mozas do rural poidan xerar vínculos afectivos na súa área de residencia. Por iso, tamén terán a oportunidade de acceder ao Proxecto Referentes. Deste xeito, poderán ampliar o seu mapa social e crear conexións coas persoas da súa contorna.

A experiencia adquirida ao longo de todos estes anos co Programa Mentor é fundamental para poder levar a cabo este proxecto, cuxo territorio de actuación será o sur da provincia de Lugo e no norte de Ourense. O obxectivo primordial é non perder máis poboación nesta zona e que os mozos e mozas máis vulnerables poidan construír o futuro que queren sen ter que abandonar as súas raíces.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.