“Elena xa é como unha irmá para min”

Ameth tivo que deixar atrás os seus seres queridos sendo aínda un neno. Cando chegou a Lugo estaba só, non coñecía a ninguén na cidade. Ata que encontrou a Elena.

Moitos mozos e mozas tuteladas necesitan unha persoa maior na que confiar. O programa Referentes existe para facelo posible.

Todas as persoas temos referentes. Alguén que nos escoitou, que nos guiou en momentos importantes da nosa vida. Pero, para moitas mozas e mozos sen apoio familiar, esa figura non existe.

Cando abandonou Senegal e tivo que deixar todo atrás, os referentes de Ameth deixaron de estar cerca. Tras percorrer unha longa viaxe e pasar por varias cidades da Península, Ameth encontrou na nosa vivenda tutelada de Lugo o fogar que buscaba.

“Foi a miña educadora quen me presentou a Elena. Eu estaba facendo 3º de ESO e ela axudoume moito nos exames. Tamén coñecín a cidade grazas a ela. Axudoume en moitísimas cousas.”

“Coñecer a Ameth fíxome aprender moito. Non só del, senón de min mesma.”

Elena, referente.

Hai máis dun ano, cando Elena decidiu facerse voluntaria de Referentes, ela non sabía o que esta experiencia lle depararía. En realidade, nin sequera sabía a identidade da persoa que estaba a piques de coñecer.

“É certo que a nosa amizade comezou dun xeito diferente a como comeza unha amizade normal”, di. “Pero agora xa non son consciente diso, Ameth simplemente forma parte da miña vida e penso que así vai seguir sempre”.

Agora Ameth xa non vive en Lugo. Encontrou unha oferta de emprego e trasladouse a Ourense para forxar a súa propia vida, sen esquecer nunca de onde vén. “Cada mes envío algún diñeiro a Senegal para axudar á miña familia”.

Desde entón, Elena e mais el aproveitan as fins de semana para reencontrarse ou facer plans con outras amizades. “Aínda que non nos vexamos, contamos sempre un co outro“, di Elena.

” Ter unha persoa que está aí para o que necesites é fundamental; eu tiven iso na miña vida de forma natural e quero que outras persoas tamén o poidan ter”.

Queres ser referente?

En Igaxes queremos que máis mozos e mozas sen apoio familiar poidan contar coa súa propia persoa referente.

Por iso buscamos persoas voluntarias que queiran entrar na súa vida.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.