23 Abr Unha emancipación forzada: A vida despóis de sair do piso tutelado
En España, só arredor do 15% da mocidade vive emancipada. Facelo implica, en moitos casos, destinar máis da metade do salario ao alugueiro. Estímase que unha persoa nova pode ter que dedicar máis do 70% do seu soldo á vivenda. Neste escenario, iniciar unha vida independente sen rede familiar nin aforros previos sitúa á mocidade ex-tutelada nunha clara desvantaxe.
A consecuencia directa é que a saída do piso tutelado convértese nun punto de alto risco social. Isto débese a varios factores: a falta de ingresos estables, a precariedade laboral e a imposibilidade de acceder a unha vivenda en condicións normais. A isto súmase o estigma que moitas persoas afrontan por proceder deste recurso. Como resultado, moitas mozas e mozos vense obrigados a aceptar solucións habitacionais inestables. Estas inclúen compartir piso en condicións precarias, encadear aloxamentos temporais ou depender de recursos asistenciais. Nalgúns casos, esta situación pode derivar en episodios de senfogarismo se fallan os plans de emancipación.
Un esceario incerto
A nivel laboral, a presión económica condiciona as decisións desde o primeiro momento. Os datos amosan que case o 90% da mocidade extutelada estuda, traballa ou combina ambas cousas. Pero esta aparente “activación” responde en gran medida á necesidade urxente de xerar ingresos. Traballar ao mesmo tempo que siguen cursando algún tipo de ensinanza non é unha opción. Este é o xeito que teñen de sair cun “colchón” económico de emerxencia. Isto limita as posibilidades de acceder a estudos superiores ou de investir en procesos formativos máis longos e que precisen que se lles adique máis tempo e recursos, mantendo a desigualdade.
Ademais, unha parte significativa desta movidade enfróntase a situacións de precariedade económica. Segundo datos de FEPA, dous de cada dez rapazas e rapaces extutelados non teñen ningún ingreso, o que evidencia a fraxilidade da súa situación no momento da emancipación.
A todo isto súmase o impacto emocional da saída do piso tutelado. Este espazo non só cobre necesidades materiais, senón que tamén proporciona estrutura, acompañamento e vínculos. A súa perda pode xerar sensación de baleiro, soidade e inseguridade. A transición prodúcese, ademais, sen marxe para o erro. Equivocarse nun traballo, nunha decisión formativa ou nunha vivenda pode ter consecuencias inmediatas e difíciles de reverter.

Precisamos unha transición gradual a vida adulta
O problema non é a emancipación en si, senón as condicións nas que se produce. A evidencia amosa que cando existen programas de acompañamento, coma Mentor —apoio económico e formativo, orientación laboral, acceso á vivenda ou seguimento psicolóxico— as traxectorias melloran significativamente.
Saír do piso tutelado non debería significar caer na incerteza, senón iniciar un proceso real de transición. Por iso é moi necesario repensar este modelo. Propostas como prolongar o acompañamento ata os 25 anos, facilitar o acceso á vivenda ou garantir ingresos mínimos buscan transformar unha emancipación forzada nunha transición acompañada.
Mentres a maioría da mocidade prolonga a súa estancia no fogar familiar, quen sae de pisos tutelados vese obrigado a independizarse antes. De media, fano dez anos antes ca os seus iguais. A emancipación deixa de ser un proceso gradual e convértese nunha transición inmediata á vida adulta.