Unha gran rede dentro e fóra da escola

A educación é o piar fundamental no que se sustenta o desenvolvemento de cada persoa. Non se trata só de aprender unha serie de materias e aprobar uns exames. A infancia e a adolescencia son as etapas da vida nas que se forma o noso carácter e personalidade, nas que creamos as nosas redes vitais, na casa e na escola. Por iso é imprescindible para o crecemento persoal das mozas e mozos, que entren en contacto con outros actores sociais, á marxe do ámbito educativo.

Pasar tempo con amizades, con persoas que sexan referentes para elas e eles e ter a oportunidade de coñecer xente nova, é un importante paso para descubriren o seu lugar no mundo. Situando sempre á moza ou mozo no centro, debemos contribuír a facer crecer o seu círculo de confianza, desde a infancia ata a idade adulta. Así medrarán sentíndose queridas e queridos, con oportunidades para aprender e contando sempre con persoas nas que apoiarse, para que no tránsito á adultez, conten con esa rede de seguridade. Algo esencial, pero que para a mocidade tutelada pode ser todo un reto.  

Para fomentar esas relacións, un espazo de socialización moi importante para as nenas, nenos e adolescentes é a escola. Mellorar a convivencia nos centros educativos e construír escolas máis inclusivas e libres de acoso escolar é clave para medrar felices e nun entorno seguro. Un obxectivo no que traballar entre todas e todos: alumnado, profesorado e familias. Con esta idea nacen colaboracións entre diferentes centros educativos e Igaxes, no que chamamos Escola da vida. Intervencións que implican a toda a comunidade educativa sempre en prol do benestar das nenas, nenos, mozas e mozos.