O 21 de decembro ‘xogamos pola infancia’ na Estrada

Xogar e facer exercicio é esencial para a inclusión social da infancia. Pero moitos nenos e nenas non poden acceder a actividades deportivas e de ocio por falta de recursos.

Para crear conciencia sobre este problema, este sábado 21 de decembro celebramos na Estrada a xornada solidaria “Xogamos pola infancia”, con actividades deportivas e xogos para compartir en familia.

É unha cara máis da exclusión social. Cada día, cando as clases rematan, moitos nenos e nenas toman o camiño da casa. Gustaríalles ir cos demais compañeiros practicar baloncesto, ou a clases de guitarra, ou facer unha pequena ruta en bicicleta. Pero deben despedirse.

Un de cada catro escolares ve limitadas as súas opcións de ocio porque a súa familia non pode asumir os gastos de matrícula, material ou transporte. Teñen que pasar moito tempo na casa ou na rúa, ás veces sen compañía.

Iso aumenta o risco de exclusión que xa padecen. Teñen menos oportunidades de relacionarse e de reforzar os seus vínculos cos demais. Tamén son máis propensos ao sedentarismo e a desenvolver problemas de saúde asociados a el.

Xogamos pola saúde e as oportunidades de futuro da infancia máis vulnerable.

O sábado 21 de decembro celebramos na Estrada unha xornada solidaria para promover o exercicio infantil, as relacións familiares e o ocio en familia. Xogamos pola Infancia é un evento organizado por Igaxes en colaboración co Concello da Estrada e as Escolas Deportivas Municipais.

Terá lugar no Pavillón Coto Ferreiro de 10h a 20h e será de acceso libre e gratuíto. Haberá probas deportivas non competitivas, actividades interxeracionais, zona de xogos tradicionais e inchables para as crianzas. As nais e pais poderán asistir a charlas temáticas con ideas para manter unhas óptimas relacións familiares cos seus fillos e fillas, tanto na infancia como na adolescencia.

Ao longo do día celebraremos dous sorteos solidarios no que todas as persoas asistentes poderán participar e optar a numerosos regalos cedidos por establecementos locais da Estrada.

Todos os fondos recadados no sorteo irán destinados a evitar o abandono escolar e a fomentar o ocio activo das nenas e nenos galegos con maior risco de exclusión.

Esperámoste!

Programa de actividades

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.