Un pacto educativo
para a equidade

Precisamos políticas para garantir unha educación de calidade e compensar as desvantaxes

A implantación dun gran pacto pola educación é unha necesidade. Esta foi demandada longo tempo por axentes sociais e comunidade educativa. Ante as recentes negociacións iniciadas en Madrid por algunhas das principais forzas políticas, é da máxima urxencia apelar a un modelo que teña por base a equidade e a igualdade de oportunidades.

Os datos de fracaso escolar melloran en termos globais, pero non entre o alumnado máis desfavorecido. O 75% de escolares con problemas socioeconómicos non acada o nivel medio nas probas PISA (OCDE, 2015) Ademáis, dous de cada tres abandona os estudos prematuramente.

É un feito probado que pobreza e fracaso escolar están relacionadas. Situacións de desprotección, conflito familiar, inadaptación ou acoso non fan máis que agravar as desvantaxes. O futuro de miles de nenas e nenos está lastrado decisivamente por non poderen acceder ás mesmas oportunidades de aprender e desenvolverse.

A necesidade dun Pacto Educativo

Por iso temos que dotarnos dun Pacto Educativo. Un pacto que dea total garantía de acceso a unha educación de calidade e de compensación cando se parte en situacións de desvantaxe.

Unha política de equidade educativa debe asegurar recursos para:

  • A conciliación: Reforzo escolar e apoio emocional para o alumnado en situación de conflito ou dificultade.
  • Apoio profesional para as familias: Garantía de acceso a actividades educativas, lúdicas e deportivas fóra de horario escolar, ademáis de liñas específicas de investimento. Así, cada centro poderá contar con recursos adicionais para a prevención do acoso escolar e a mantenza da convivencia, entre outras medidas.

Garantir a calidade e a equidade educativas require un forte investimento. Por iso compartimos a proposta da Plataforma pola Escola Pública de destinar un 5% do PIB xa desde a primeira lexislatura. Ligado ao compromiso de chegar ao 7% no medio prazo.

Por último, é imprescindible un compromiso de estabilidade. A estrutura do sistema educativo de ningún xeito pode seguir véndose alterada pola continxencia política e pola alternancia de partidos. A futura normativa debe estar consensuada e refrendada por todas as forzas políticas, os axentes sociais e a comunidade educativa.

Só mediante o consenso e o compromiso de estabilidade é posible garantir un modelo educativo que non deixe a ninguén atrás.