Stephanie ten 24 anos e vive en Vigo co seu fillo de tres. Cada día ten que encaixar ela soa o tempo de crianza co seu traballo en hostalería. Desde que deixou de estar tutelada, vivir cada día é un acto de coraxe.
Estás de acordo?
Xa desde nena, Stephanie careceu do apoio dunha familia. Mentres estivo tutelada recibiu a protección que lle faltaba. Pero, unha vez cumprida a maioría de idade, deixou de ter esa protección.
Agora o seu salario apenas dá para cubrir todos os gastos. Este ano o prezo do aluguer subiu máis dun 10% e a factura da luz non deixa de crecer. O encarecemento de produtos básicos como a froita, a carne ou o pan fan que a dieta sexa cada día máis limitada.
E a iso hai que sumarlle ter que vivir cada día cunha preocupación: se un día me faltase o traballo, que pasaría? Stephanie teno claro: sen familia e sen ingresos, o destino é a rúa.
Non hai datos sobre o número de mozas e mozos ex tutelados que se viron abocados a vivir na rúa. Pero sabemos que existen.
É da máxima urxencia que se garanta o seu dereito de vivenda. Por iso o pasado mes de abril trasladamos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo unha petición oficial para que, na futura creación da Rede Galega de Vivendas de Inserción:
a) se realice unha reserva do parque total de vivendas para o acceso directo e gratuíto de mozas e mozos ex tutelados pola Xunta de Galicia menores de 35 anos; e b) que a duración mínima da estadía sexa de 2 anos, con opción de prórroga e de retorno cando fose necesario.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.