24 Mai Para ler detrás das palabras
Para non asumir o discurso do odio en relación coas persoas migrantes, debemos pararnos a analizar a realidade que existe detrás das palabras.
MENA
Este acrónimo fai referencia aos Menores Estranxeiros Non Acompañados. O uso do acrónimo de forma xenérica deshumaniza ás persoas que están detrás del: mozos e mozas que se viron forzados/as a fuxir, ben por unha situación de empobrecemento, exclusión e falta de oportunidades ou ben buscando protección internacional a raíz dunha situación de violencia no seu país de orixe.
EX-MENA
Este termo fai referencia aos mozos e mozas que, despois de chegar ao país sos tras pasar por un proceso migratorio, acadan a maioría de idade e deixan de estar baixo o sistema de protección de menores quedando, moitas veces, nunha situación de gran vulnerabilidade. Moitos e moitas delas, aínda que conten cun permiso de residencia, non teñen permiso de traballo, o que os releva a unha situación de gran desprotección. É importante non invisibilizalos tras un acrónimo.
Chegada masiva de inmigrantes ou vaga de inmigrantes
O uso de palabras como masiva ou vaga provoca alarmismo e desinformación. Ademais, a cantidade de persoas que foxen dos seus países e chegan a Europa é moito menor en relación coas que acollen países do sur. De feito, os estados que máis persoas refuxiadas acollen son Turquía, Colombia, Pakistán, Uganda e Alemaña.
Defender a fronteira e garantir a integridade territorial
Este tipo de afirmacións levan implícita a criminalización das persoas que migran e contribúen a construción dun imaxinario social a través do que se pasa a ver ás persoas migrantes como inimigas. Migrar é un dereito humano e as persoas que migran atópanse, moitas veces, en situacións nas que os seus dereitos fundamentais son vulnerados.
Devolución de inmigrantes
A pesar de que a Lei de Estranxeiría avala o rexeitamento das persoas migrantes que sexan detectadas en liña fronteiriza, sería preciso, a través deste procedemento, a súa previa identificación. Ademais, as expulsións colectivas non están permitidas por lei e vulneran o dereito das persoas migrantes a un procedemento individualizado de asilo e a un recurso efectivo. Por outra banda, os nenos, nenas e adolescentes non poden ser devoltas ao seu país de orixe en ningún caso. O Comité de Dereitos do Neno, xa reprobara a España pola devolución dun neno que saltara a valla de Melilla en 2014.
Imaxe de Agostinho Iglesias, La Voz de Galicia