Igaxes e Red Jóvenes e Inclusión apostan por implantar educación afectivo sexual xa en Primaria

Internet xa é a fonte principal de educación sexual para tres de cada catro adolescentes. Aos 14 anos, a maioría dos rapaces homes xa viron pornografía de contido machista, vexatorio e violento contra as mulleres. Ante o aumento das condutas de risco e dos estereotipos de xénero, realizamos a xornada “Educación afectivo sexual na era da nova pornografía“. Celebrada hoxe en Santiago, Igaxes e Jóvenes e Inclusión presentamos unha serie de propostas para un modelo de educación afectivo sexual capaz de promover relacións libres e igualitarias.

Só é preciso ter un móbil entre as mans. Aos 13 anos xa accederon a cuarta parte dos adolescentes e algúns nenos xa entran desde os oito. A idades tan temperás, á gran maioría non lles falaron de sexo na casa nin na escola. Non o suficiente como para resolver as súas dúbidas ou interiorizar valores.

 

Un repunte de conductas de risco

As ONG de infancia e xuventude que formamos a rede estatal Jóvenes e Inclusión chegamos cada ano a 10.000 nenas, nenos e mozos. Nos últimos anos observamos un repunte de condutas que reproducen estereotipos de xénero e patróns de desigualdade nas relacións entre mozas e mozos. Retorna o modelo do amor romántico, dificultades para detectar a violencia de control, coerción normalizada ou ritualización das relacións sexuais. 

Desde a publicación da investigación Nueva pornografía y cambios en las relaciones interpersonales, (L. Ballester, C. Orte, Red Jóvenes e Inclusión, 2019), sabemos que o acceso xeneralizado á nova pornografía explica en parte estas condutas.

Un 50% da xuventude recoñece ter incrementado as súas prácticas de risco despois de consumir pornografía. Un de cada catro di que facelo cambiou a súa percepción dos hombres e das mulleres. Case a metade dos varóns recibiu ofertas sexuais vía web e un 4,5% din teren pagado por elas ou estaren dispostos a facelo.

 

Á luz dos resultados: Propostas.

Á luz destes resultados, Igaxes e as demais organizacións integradas na rede Jóvenes e Inclusión propoñemos:

  1. Continuar investigando. É necesario seguir preguntando as mozas e mozos para coñecer cada vez mellor causas, códigos e efectos das súas relacións interpersoais, sexuais e afectivas.
  1. Mellorar as competencias das familias. Apostando por programas socioeducativos de fortalecemento familiar para que nais, pais e titores legais poidan abordar a EAS desde o ámbito familiar cun enfoque preventivo. 
  1. Ministerio de Educación e consellerías autonómicas inclúan formación específica A docentes e profesionais educativos en EAS, polo menos mediante estas vías: 
      • Nos programas de formación permanente do profesorado de centros públicos e privados de niveis educativos non universitarios.  
      • En todo Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Obrigatoria para todo o alumnado, con independencia da súa especialidade.
      • En toda especialidade universitaria destinada ao traballo educativo e socioeducativo con infancia e xuventude.
  1. Apostar por un modelo de educación afectivo sexual:
      • Que poña o foco na igualdade de xénero, na prevención de condutas machistas e na tolerancia cero coa violencia contra as mulleres.
      • Orientada ao respecto á diversidade e á multiplicidade de identidades e orientacións sexuais.
      • Vixilante ante a nova pornografía e o seu alcance e efectos, fomentando a capacidade crítica e analítica ante os estereotipos de xénero.
      • Vinculada a cuestións de índole sexual e/ou sanitaria, así como á expresión de emocións e ao desenvolvemento dos afectos. 
  1. Incorporar contidos e estratexias para a educación emocional e para a igualdade e o respecto á diversidade en Educación Infantil (3-6 anos). 
  1. Implantar EAS como materia obligatoria dentro do currículum de Ensino Primario e Secundario. Con contidos e obxectivos específicos nos programas docentes.  
  1. Estudar e valorar opcións de control legal no relativo a contidos pornográficos especialmente violentos, vexatorios ou de risco.