Seis propostas para protexer a infancia máis vulnerable

Antes de comezar a crise, un de cada catro nenos e nenas en Galicia estaba en risco de pobreza.

[Actualización a 20 abril 2020] – Máis de 200.000 persoas traballadoras xa se viron afectadas por ERTE en Galicia. O empobrecemento que esta crise vai traer a tantas familias, sobre todo ás máis vulnerables, pon en grave perigo o benestar e os dereitos de miles de crianzas e adolescentes.

As medidas públicas de protección deben garantir a súa saúde e a súa educación. Tamén as oportunidades de futuro da mocidade con menos recursos para afrontar esta situación.

protección infancia

Estas son as propostas mínimas que desde Igaxes consideramos necesarias para facer valer eses dereitos durante o estado de alarma:

1
Vivenda e gastos correntes

A vivenda é un dos principais factores de exclusión en Galicia. A perda de capacidade adquisitiva levará a moitas familias a non poder asumir os gastos asociados a ela. 

O Goberno central fixou nun mes a moratoria do pagamento das hipotecas para as familias máis vulnerables. Pedimos que se fixe en tres meses o período mínimo de carencia. E que sexa de aplicación a calquera familia que vise mermados os seus ingresos neste período.

Pedimos ademais a moratoria das rendas de alugueiro e de subministros básicos (luz, auga e calefacción) como mínimo mentres dure o estado de alarma para todas as familias afectadas ou especialmente vulnerables.

Tamén é necesaria unha renda compensatoria de conciliación para todas as familias monomarentais e monoparentais que non teñan opción de teletraballo. É imprescindible evitar que os seus fillos e fillas queden desprotexidos.

 

2
Alimentación

O peche dos comedores escolares, sumado ao empobrecemento das familias, terá efectos negativos na dieta de moitas crianzas. A Xunta de Galicia vén de habilitar unha axuda equivalente ao gasto de comedor de 2,5€ por alumno e día lectivo.

Consideramos insuficiente esta cota e propoñemos unha axuda directa de 4,5€ por alumno e día lectivo. Tamén pedimos que se amplíe a outras familias beneficiarias por criterios actualizados de renda, e non só ás familias que xa tiñan servizo de comedor.

 

3
Benestar emocional

Preocúpanos especialmente o impacto da crise para aquelas familias que xa padecían problemas emocionais ou de convivencia. O illamento, a incerteza, as consecuencias económicas, o ter que convivir en espazos reducidos… Son varios os factores que poden agravar o estrés ou o malestar. 

É preciso establecer un servizo público de atención emocional e terapéutica, tanto para as nenas e nenos como para o resto da familia. E tamén reforzar a atención pediátrica como garantía de saúde dos máis pequenos.

É imprescindible seguir contando con sistemas eficaces de atención ante un posible maltrato, desprotección ou violencia contra as mulleres e contra os fillos e fillas. En Igaxes contamos cun servizo aberto de atención ás crianzas e ás familias no número 606 089 054.

 

4
Equidade educativa

A pobreza familiar limita entre un 50% e un 80% o éxito educativo. Nesta situación, a redución da vida escolar aos deberes pode acrecentar aínda máis as desigualdades entre o alumnado.

Non todas as familias teñen ordenador ou conexión a internet: a fenda dixital en Galicia é do 13%. Nin todas as nais e pais teñen a formación suficiente para axudar aos seus fillos coas tarefas. Perder o contacto con profesores, compañeiras e referentes positivos pode contribuír a que queden máis descolgados.

Por iso pedimos que se garanta o apoio escolar individualizado para todo o alumnado que o precise. Isto implica tanto dotar de medios tecnolóxicos como de profesionais educativos. É preciso seguir cerca do alumnado desfavorecido, con necesidades educativas especiais, dificultades de aprendizaxe, logopedia, etc.

 

5
Xuventude vulnerable

A poboación entre 16 e 29 é a máis afectada pola pobreza. Un 30% da mocidade galega está en risco de exclusión. As mozas e mozos concentran a maior taxa de traballo temporal e precario. Precisamente o que está a ser máis destruído por esta crise.

A situación é especialmente fráxil para as mozas e mozos tutelados. Non teñen unha familia á que volver cando saian do sistema de protección. Necesitan un traballo para sobrevivir. Por iso pedimos que a Xunta de Galicia subvencione programas de formación profesional con compromiso de contratación en empresas para a mocidade en situación vulnerable.

 

6
Mozos e mozas migrantes

Para eles e elas, o estado de alerta supón unha parálise aínda maior. Están fóra da formación regrada ou sen opcións de seguila. Deixan de recibir clases de idioma e non poden acceder a prácticas laborais. Cando cumpran os 18 terán que estar en posesión dun contrato de traballo, do contrario veranse en situación irregular. E o tempo pasa.

Como medida de protección pedimos que lles conceda unha moratoria do permiso de traballo automático (o mesmo que contan mentres son menores) ata os 21 anos. Que se lles garanta apoio escolar individual a aqueles que cursen ESO ou FP. E que teñan acceso a clases de idioma sexa cal for o seu nivel.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.