Os mozos e mozas tuteladas teñen que independizarse moito antes que o resto e sen unha rede de seguridade detrás. Lucas estivo dous anos na vivenda e, con 18, xa cun traballo, decidiu emprender camiño cara a vida independente. “Marchar da vivenda é duro porque de repente tes que pagar ti todos os gastos”, explica. El emancipouse despois de prepararse no Programa Mentor para a vida adulta, pero recorda as dificultades engadidas que tivo: “Á hora de buscar traballo, se saben que ves dun centro de menores, xa teñen prexuízos cara ti”.
As persoas tuteladas non fixeron nada malo. Atópanse nesa situación porque as súas familias non puideron ou non souberon coidalas: “A xente que medra en vivendas non é problemática. Van alí para aprender, para poder ter un futuro mellor no día de mañá”.
A día de hoxe, dous anos despois de emanciparse, segue mantendo relación coas educadoras e educadores do programa e con algunhas das persoas coas que conviviu: “Entrar na vivenda foi o mellor que me pasou na vida porque me axudaron en moitos aspectos”.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.