13 Mai Só o 8,5% da xuventude galega en risco de exclusión segue traballando tras o estado de alarma
De cada dez persoas entre 16 e 29 anos que afrontaban a crise en situación ou risco de pobreza, oito non teñen emprego e unha está afectada por ERTE.
Nenas e nenos en risco de pobreza severa: 6 de cada 10 fogares desfavorecidos onde viven menores ven agravada ou moi agravada a súa situación.
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020 – Igaxes fixo público esta mañá o informe Do confinamento á exclusión: impacto da crise sanitaria na infancia e a mocidade máis vulnerables en Galicia. Trátase dun estudo urxente que mide os efectos económicos e sociais da crise entre a poboación moza, por un lado, e as familias con crianzas, por outro, que xa se encontraban previamente en situación ou risco de pobreza.
Na mostra do estudo tomaron parte máis de 500 persoas participantes en programas de atención directa da organización en Galicia. Á vista dos resultados, Igaxes quere elevar unha voz de alarma sobre os altos riscos que esta crise trae para o benestar e as oportunidades de futuro da infancia e a xuventude máis vulnerables.