A mochila que máis pesa

1 de cada 4 escolares en Galicia padece cada día as consecuencias da falta de recursos, problemas familiares ou inseguridade

Santiago, 19 de decembro de 2017

Máis de 100.000 nenas, nenos e mozos en Galicia sofren por problemas que ninguén ve. Cada día padecen as consecuencias da falta de recursos, a falta de afecto, os problemas familiares ou a inseguridade.
Na escola, estes problemas adoitan pasar desapercibidos, pero poñen en grave perigo o benestar e o futuro destes nenos e nenas. Están máis desprotexidos que o resto do alumnado e as súas familias non sempre poden darlles toda a atención que precisan.

O 70% do alumnado máis desfavorecido abandona a escola prematuramente. Habitualmente escoitamos falar do fracaso escolar como un problema estritamente académico. Porén, arredor do 90% do alumnado que ten dificultades na escola padece ademais algún problema de índole social ou familiar.

Esta é a nosa crise educativa. En igaxes entendemos imprescindible ofrecer atención e protección individualizadas para aqueles alumnos e a alumnas que, pola súa situación sociofamiliar, non poden acceder á educación en igualdade de condicións; e tamén apoio ás súas familias para axudarlles a mellorar o clima familiar e a implicación na vida escolar dos seus fillos e fillas.

Descargar nota de prensa completa.