“Quixemos contar como somos, non como nos mostran”

Mozas e mozos en situación vulnerable lanzan hoxe en Santiago unha campaña contra os prexuízos sociais que padecen cada día.

Baixo o lema “De maior quero ser coma ti”, a campaña forma parte do proxecto ‘A Tribo’, que compartimos Agareso e Igaxes e da que son protagonistas unha vintena de rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos.

En Galicia hai máis de 100.000 nenas, nenos e adolescentes en risco de exclusión. Na escola non poden aprender en igualdade de condicións. Padecen cada día as consecuencias de estigmas inxustos que pesan e discriminan.

Non é certo, por exemplo, que o alumnado con dificultade nos estudos non teña vontade de aprender. Nin é certo que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo. Porén, parte da sociedade toma estes prexuízos por certos.

Na campaña que hoxe comeza, Ihara, Cristian, Pamela, Gaby, Siffe, Pablo, Isma, Jota e Juanes queren explicarlle a toda a sociedade que é responsabilidade de toda #ATribo loitar contra estes prexuízos.

Cóntannos que de maiores só queren ser coma nós. Demostrar que son capaces. Sentirse valoradas. Escoller libremente o seu futuro. Ter as mesmas oportunidades cós demais.

“Se nos deixan expresarnos podemos demostrar que a xuventude non é baleira nin banal”.

O proxecto #ATribo, que compartimos Agareso e Igaxes coa colaboración de Obra Social “laCaixa”, permitiu que un grupo de 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos elaborasen de principio a fin tres proxectos audivisuais: unha curtametraxe documental –La Tribu– e dúas de ficción –Empezar de cero e Vidas paralelas

“Parece que a xuventude está durmida, que non podemos pensar por nós mésmos, pero quizais non é así”, din. “Parte do sistema no que vivimos non nos gusta e temos ganas de cambialo”.

Loitar contra os estigmas é responsabilidade de todas e todos. Súmate a #ATribo e comparte esta campaña.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.