Por que seguimos loitando neste 2022?

Facemos un repaso polo logrado e polo que aínda queda pendente, para continuar neste novo ano defendendo os dereitos da infancia e da adolescencia.

No 2021 conseguimos moitas melloras a favor dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, que xa viñamos reclamando dende fai tempo. Aínda así, seguen a ser un colectivo vulnerable e estigmatizado e non todos e todas parten das mesmas situacións de vantaxe.

As persoas ex tuteladas poderán acceder ao Ingreso Mínimo Vital ao cumprir os 18

Nun primeiro momento, fixárase en 23 a idade mínima coa que os mozos e mozas podían acceder a esta axuda sendo un requirimento, ademais, tres anos previos de emancipación. Coa nova modificación, as solicitudes do IMV terán en conta ás persoas ex tuteladas ao cumprir a maioría de idade.

Aínda así, os mozos e mozas tuteladas seguen a ser un colectivo altamente vulnerable que, cando acadan a maioría de idade, non contan cun fogar ao que volver e teñen que valerse por elas mesmas. O Ingreso Mínimo Vital só é o primeiro paso cara unha renda básica realmente universal que chegue aos fogares en risco.

 

Os nenos e nenas migrantes teñen máis facilidades para acadar un futuro en igualdade de dereitos

Grazas á reforma do Regulamento da Lei de Estranxeiría, os mozos e mozas migrantes non acompañadas terán máis facilidades para regularizar a súa situación cando cumpran os 18, acceder a un posto de traballo ou seguir estudando.

Con todo, seguen a sufrir as devolucións en fronteira, as probas de determinación de idade, que non son 100% fiables, e a desinformación e os bulos sobre as súas realidades. Son só nenos e nenas e os seus dereitos deben verse garantidos.

 

A infancia e a adolescencia está máis protexida

Este ano aprobouse a Lei Integral de Protección á Infancia e á Adolescencia. Agora, os nenos e nenas están máis protexidos contra os abusos e as violencias.

A aprobación desta lei debe ir acompañada de garantías orzamentarias e coordinación entre administracións e profesionais para que todos os nenos e nenas vexan os seus dereitos máis fundamentais garantidos.

 

Estamos máis cerca de acabar co estigma

A campaña #NonNosXulgues conseguiu acercar a máis de medio millón de persoas á realidade dos nenos e nenas tuteladas. Estivemos en máis de 50 concellos, estacións de tren, grandes superficies comerciais e redes sociais para achegarnos cada vez máis a  conseguir o obxectivo de rematar cos prexuízos que aínda existen cara as persoas tuteladas.

É necesario que sigamos escoitándoas para que sexan elas as que nos conten as súas propias realidades e acabar co estigma.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.