Plantando a semente da comunidade que queremos

Persoas maiores e mozos tutelados constrúen xuntos unha horta no barrio das Flores da Coruña

A soidade e o desarraigo afectan a moitas mozas e mozos que non teñen familia ou recursos. En Igaxes queremos construír unha sociedade máis unida e acolledora, conectando persoas e facendo comunidade. Un exemplo diso é a experiencia que compartimos coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO).

Un grupo de mozos e mozas que viven nos nosos pisos tutelados do Programa Mentor na Coruña e de maiores que acoden aos centros de AFACO comezaron a pasar parte do seu tempo xuntos.

A idea é construír dunha pequena horta na que plantar amorodos, tomates, pirixel… E facelo en compañía, pasando tempo de calidade, aprendendo unha xeración da outra e compartindo anécdotas e cancións.

Actuamos para construír unha sociedade que non deixe a ninguén atrás.

Montar a horta e coidar dela é ilusionante e enriquecedor. Pero esta experiencia é moito máis.

É unha imaxe de como queremos que sexa a nosa sociedade do futuro: unha sociedade para todas as idades, onde cada persoa se sinta parte da comunidade. Onde poida dar e recibir apoio dos veciños e veciñas, das asociacións do barrio, dos colectivos sociais, de persoas voluntarias…

A soidade e o desamparo ensombrecen a vida de moitas persoas en situación vulnerable. En Igaxes cooperamos con outros axentes sociais para construírmos unha sociedade que non deixe a ninguén atrás.

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.