O que (quizais) non sabes sobre as nenas e nenos migrantes

Decotío escoitamos falar sobre os seus pasados, pero a súa situación cando chegan ao país de acollida tampouco é nada fácil.

Seguro que che soan historias sobre nenos e nenas que foxen dos seus países. Sabes que aparecen en carteis de propaganda política que pretenden criminalizalas. Porén, as situacións polas que pasan cando chegan ao país de destino tampouco son sinxelas.

Cando remates de ler este texto, coñecerás outras partes importantes das realidades destas mozas e mozos.

Lo que quizás no sabes sobre la juventud migrante

Reciben protección, pero con condicións

Son nenas e nenos que viaxan sós e que cando chegan aquí reciben protección por parte do sistema público. Con todo, esa protección non é igual que para o resto de nenos e nenas tuteladas. Se cando acaden a maioría de idade non conseguen un traballo, perden o dereito a vivir aquí.

A adolescencia é xa de por si unha etapa complicada na vida de calquera persoa. Aínda o é máis se a túa situación legal depende de que teñas que conseguir un traballo antes dos 18 sen ningún tipo de apoio familiar.

 

O seu dereito á educación vese vulnerado

A moitos mozos e mozas migrantes, ao igual que a calquera adolescente, gustaríalles poder seguir estudando. Non obstante, isto é case imposible porque para poder regularizar a súa situación precisan dun contrato de traballo.

Aínda que quixeran seguir formándose, aos 18 vense abocadas, en moitas ocasións, a aceptaren empregos precarios e de baixa cualificación. Isto empúrraas, ás veces, a mudarse a lugares nos que non teñen redes de apoio social.

“Díxenlle ao meu irmán pequeno que non viñera, as cousas non son sinxelas aquí”

— Ilias, 19 anos

Tampouco poden optar a axudas

Mentres viven nun centro teñen cobertura para manutención e roupa. A súa única asignación directa é duns 15 euros semanais para gastos persoais, como calquera outro mozo ou moza tutelada.

Cando saen, e mentres teñen permiso temporal de residencia, poden acollerse a algunha axuda como a RISGA. Non obstante, este tipo de subvencións non serven para renovar o permiso de residencia. Se caen en situación irregular, a posibilidade de optaren a axudas vese moi reducida, xa que moitas delas esixen residencia legal.

 

Levan unha ferida consigo…

Moitas destas nenas e nenos ven as súas expectativas truncadas cando chegan aquí. O choque coa realidade, coas trabas administrativas, é duro. A dor que causa o ter que abandonar os seus países, vese intensificada polas dificultades as que se enfrontan aquí e que, moitas veces, viven en silencio. Para calquera persoa sería difícil contarlle ao seu pai ou a súa nai que se encontra nunha situación tan vulnerable.

Resúltache familiar esta situación? A moitos galegos e galegas, si. É o que viviron os seus pais, nais, avoas, bisavós cando migraron a Europa ou América.

“Cando cheguei aquí preguntáronme: que queres facer? Eu tíveno claro: traballar. Estou pelexando na vida para axudar á miña nai, ela é o máis importante”

— Sidy, 19 anos

…E unha enorme responsabilidade

Moitos e moitas delas viven baixo a enorme responsabilidade de teren que “progresar” para sosteren a súa familia. Deben facelo nun país distinto, que lle pon constantes obstáculos a ese progreso. O peso emocional que soporta un neno ou nena migrante é incalculable.

 

Os nenos e nenas migrantes forman parte do noso futuro conxunto como comunidade. As leis que construímos hoxe poden chegar a afectarche negativamente no mañá. Imaxina un futuro sen a posibilidade de viaxar, de vivir onde queiras e como queiras. Non existe un nós e un elas. O que construímos hoxe aféctanos a todas.

Contra os bulos, difunde

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.