“O Nadal nunha vivenda tutelada é coma en calquera fogar”

Laura é educadora e, para ela, a vivenda é como a súa segunda casa. Un fogar no que celebrar o Nadal en boa compañía.

Decoran a casa, organizan comidas especiais, saen de paseo, fanse agasallos… As festas de Nadal nas vivendas non son diferentes ca no resto de fogares.

As persoas que conviven alí crean vínculos especiais entre elas e, por iso, estas datas tamén son unha época na que moitos mozos e mozas que xa marcharon das vivendas volven para reencontrarse coas súas compañeiras. Entre todas planifican encontros nos que se xunta o equipo educativo e outros mozos e mozas ex tuteladas: “Volven a casa polo Nadal e recordamos anécdotas, comemos todas xuntas… “.

Hai mozos e mozas que non teñen un fogar ao que volver nas datas máis sinaladas, así que pasan eses días na vivenda todas xuntas, organizando momentos de lecer en comunidade. “Facemos tardes de karaoke e xogos de mesa, vemos películas de Nadal… o que máis nos apeteza nese momento”, conta Laura. Xunto co equipo educativo son un fogar máis: cóidanse entre si, comparten momentos e celebran as festas todas xuntas.

Celebres como celebres estas datas, dende todo o equipo de Igaxes desexámosche unhas boas festas.