O gran salto de Lucía

“Deixar o piso tutelado foi como deixar unha familia. Agora quero chegar ata o final.”

Preparouse durante tres anos para ese día. Traballou para xuntar os aforros que lle permitisen dar o salto. Agora Lucía vive nunha nova cidade. Conseguiu algo que moi poucas persoas na súa situación conseguen: comezar unha carreira universitaria.

Gústalle a literatura. Dánselle ben as linguas desde pequena. Por iso decidiu estudar Filoloxía Hispánica en Santiago de Compostela. Despois de pasar tres anos na vivenda tutelada do Programa Mentor en Pontevedra, Lucía deu por fin o seu salto á vida adulta.

O seu novo fogar é unha residencia universitaria en Santiago de Compostela. Deixar a que foi a súa casa, os seus compañeiros e educadoras, “foi duro, sobre todo a nivel emocional”. Un piso tutelado é moito máis que iso: “Poder falar abertamente do que me pasa, de como me sinto… Non é só o apoio económico, hai moitas cousas que o programa cubre e que non son tan visibles. Hai moito máis”.

O logro de Lucía é enorme. Para os nenos e nenas que non tiveron o respaldo dunha familia, o risco de deixar a escola prematuramente multiplícase por seis.

Agora que logrou o seu obxectivo, Lucía persegue o soño de graduarse. Pasar por unha vivenda tutelada permitiulle xuntar os aforros que agora son o seu sustento.

Na súa vida non hai persoas que a poidan apoiar economicamente. Por iso quere buscar un traballo que poida compaxinar cos estudos. “O meu soño é ter unha casa, pero iso é a moi longo prazo. Agora teño que sacar a carreira, teño que chegar ata o final”.

 

Todas as nenas e nenos deberan ter as mesmas oportunidades de acceder á educación. Pero o 70% do alumnado máis vulnerable abandona a escola prematuramente.

Axúdanos a lograr que máis persoas o consigan.
Se podes, doa.

QUERO AXUDAR