Derechos infancia y juventud migrante

Reforma de Estranxeiría: que vai significar para a mocidade migrante?

A tan esperada reforma do Regulamento de Estranxeiría xa é unha realidade. É un cambio que agardaban coa máxima urxencia os 15.000 nenos, nenas e persoas mozas migrantes non acompañadas cuxos dereitos permanecían en lista de agarda.

Como organización que as acompaña no seu camiño cara á vida adulta, desde Igaxes celebramos un cambio que é indispensable para a súa inclusión social e para o cumprimento dos seus dereitos máis básicos.

As organizacións de infancia que integramos a rede estatal Jóvenes e Inclusión levamos anos traballando para compensar as enormes desvantaxes que afrontan os nenos e nenas migrantes. E tamén alertando da discriminación que o Regulamento lles inflixía. Malia recibiren protección pública sendo menores, aos 18 anos víanse abocadas á ilegalidade por mor de trabas legais abusivas.

Esta reforma, publicada hoxe no BOE, atenúa esas trabas para que prevaleza o interese superior do menor. Facilítase a súa transición á vida adulta cunhas mínimas garantías de futuro. Estes son os seus principais cambios e o que farán posible:

Documentación e permisos

Un dos cambios substanciais é que se reduce a 90 días o prazo administrativo para comezar a tramitar a súa documentación. Ata agora debían agardar un mínimo de nove meses. Nove meses sen dereito a tarxeta sanitaria, a traballar legalmente, a obter un título oficial ou a facer deporte federado.

Unha vez obtido o permiso de residencia e mentres sexan menores de idade, este permanecerá vixente durante máis tempo. Serán 2 anos a autorización inicial e 3 anos a renovación (antes era un ano) ata a Autorización de Longa Duración.

Isto ten moita relevancia porque xa ningún mozo ou moza tutelada verá extinguido o seu permiso de residencia ao cumprir os 18 anos. Evítase así a tan temida irregularidade sobrevida, que na práctica constituía a cancelación da súa protección e dos seus dereitos.

Ademais a reforma ten efecto retroactivo. Por non lograren emprego, moitos mozos e mozas ex tuteladas caeron en situación irregular despois dos 18. Ou cumpriron a maioría de idade coa documentación aínda sen resolver. Agora todas as persoas entre 18 e 23 anos que estean nestes casos poderán solicitar os permisos sempre que reúnan as condicións requiridas.

Acceso ao emprego

Os mozos e mozas menores en idade laboral xa estaban autorizadas para traballar. Agora esa autorización queda concedida por defecto e sen trámites asociados. Unha vez se fagan maiores de idade, poderán renovar os permisos de residencia e traballo cada dous anos se acreditan medios económicos suficientes.

Antes desta reforma afrontaban condicións desmedidas: debían acreditar ingresos equivalentes ao 100% do IPREM (565€ mensuais) a primeira vez e o 400% do IPREM (máis de 2.000€) na segunda renovación. Estaban obrigados a atopar contratos estables a xornada completa, algo moi difícil no noso actual mercado de traballo.

Agora o baremo pasa a ser o 100% do Ingreso Mínimo Vital para unha soa persoa, é dicir, uns 470€ mensuais. Para chegar a esa cifra non só contará o salario, senón tamén outras axudas sociais que a persoa poida percibir.

Este cambio fará máis flexible o seu acceso ao traballo. Poderán optar a contratos de menos horas, o que lles facilitará o salto ao primeiro emprego. Tamén é de esperar que poidan traballar en sectores económicos aos que ata o de agora apenas podían optar.

Dereito á educación

Tamén se terán en conta os informes de entidades públicas e privadas de protección de menores. Eses informes avalarán o seu esforzo de integración, a continuidade dos estudos ou o seu proceso de inserción laboral.

Deste modo ábrese unha porta a algo case impensable ata o de agora: que as mozas e mozos estranxeiros non acompañados poidan continuar estudos máis alá da maioría de idade. Tamén será máis viable compaxinalos cun traballo a tempo parcial.

Esta novidade é fundamental para a súa integración social e para que poidan perseguir un proxecto de vida máis acorde aos seus desexos.

Quen falta?

Este novo regulamento debera ser de aplicación para todas as nenas e nenos que cruzan as nosas fronteiras como menores de idade e sen a compañía dun adulto. Porén, non todos chegan a recibir a protección que precisan.

Malia teren acreditada a súa identidade e minoría de idade en documentos expedidos polos seus países de orixe, segue habendo casos de rapaces que se ven igualmente sometidos a probas de determinación de idade que non son 100% fiables. Cando esta proba conclúe que son maiores, quedan excluídos de ingresar no sistema de protección.

En virtude do interese superior do menor recollido na Carta de Dereitos da Infancia, deben ser considerados menores a todos os efectos cando existan dúbidas sobre a súa idade, e especialmente cando dispoñan de documentación que o acredite.