O Dépor e Igaxes xogamos en equipo polo futuro da infancia

A entrada do Deportivo-Tenerife do 20 de decembro irá destinada á protección e a educación dos nenos e nenas máis vulnerables

 

9 decembro 2019

O último partido de 2019 en Riazor terá un significado especial. Todas as persoas que acudan o 20 de decembro a Riazor para ver o Deportivo-Tenerife darán un paso adiante en favor da infancia con máis necesidade de axuda.

A vicepresidenta da Fundación Real Club Deportivo, Oliva Figueira, e o director xeral de Igaxes, Carlos Rosón, presentaron esta mañá na Coruña a campaña “Xogamos polo seu futuro”. Desde hoxe e ata o día do encontro, a campaña animará a toda a comunidade deportivista a participar deste encontro solidario.

Pobreza e infancia nunca deberan ir unidas. Pero un de cada catro nenos e nenas galegos está en risco de pobreza ou exclusión. Os seus dereitos e as súas oportunidades de futuro están gravemente coartadas só por naceren nunha familia en situación vulnerable.

Miles de menores viven unha infancia fráxil por problemas derivados da falta de recursos. As dificultades familiares ou as situacións de conflito poñen en risco a súa saúde, o seu benestar emocional e o seu desenvolvemento cognitivo. Cando un neno non pode recibir a protección ou o afecto que necesita para crecer e desenvolverse, todo o seu mundo se ve afectado.

A súa educación é clave para romper co ciclo da exclusión

Pero dous tercios do alumnado máis desfavorecido abandona a escola prematuramente. Non recibiron a protección e o apoio adecuados.

O 20 de decembro, o noso rival é a pobreza infantil. Os dereitos de miles de nenas e nenos están en xogo. Todas as persoas que acudan a Riazor recibirán a súa localidade a cambio dun donativo mínimo de 5 euros.

Os fondos recadados irán destinados a programas de Igaxes para a protección e o éxito escolar da infancia máis vulnerable.

>> Consigue aquí a túa entrada solidaria