11 Mai Educar en desigualdade
Hai unha idea moi presente na nosa forma de entender a educación: que a escola é o gran ascensor social e que, independentemente do punto de partida, abonda co esforzo para chegar. É unha idea poderosa, pero cada vez máis cuestionada pola realidade. En Galicia, moitas nenas e nenos medran en contextos marcados pola precariedade, a inestabilidade ou a falta de apoios. Esa realidade non queda fóra da escola, entra cada mañá nas aulas e condiciona o que alí acontece.
Durante anos pensamos o sistema educativo como un espazo neutro, como se todo o alumnado partise de condicións semellantes. Pero hai quen chega cunha mochila chea de libros… e quen chega cunha mochila chea de preocupacións. Cando non están cubertas as necesidades básicas, cando hai incerteza na casa ou falta estabilidade, aprender faise moito máis difícil. Non é unha cuestión de capacidade nin de vontade, senón de condicións que pesan e non sempre se ven.
Cando falamos de diversidade, adoitamos pensar en discapacidades ou ritmos de aprendizaxe, pero a diversidade tamén está nos contextos de vida. Non é o mesmo estudar nunha contorna estable que facelo nunha situación complexa. Esa diferenza non sempre aparece nos informes, pero condiciona as oportunidades reais de aprender. Se queremos falar en serio de equidade, temos que incluír estas realidades.
Outra maneira de medir o éxito escolar
Seguimos medindo o éxito en notas e títulos, pero o esencial non sempre aparece aí. Ninguén pode aprender se non se sente seguro, acompañado e recoñecido. Por iso moitas traxectorias se rompen antes de tempo. Non porque falle o alumnado, senón porque o sistema non sempre se adapta a realidades distintas. A escola non só reduce desigualdades, ás veces tamén as reproduce sen pretendelo.
Isto non é unha crítica ao profesorado, senón todo o contrario. Os e as profesionais da educación coñecen ben esta realidade e sosteñen situacións complexas con moito compromiso, pero tamén saben que hai límites que non se poden resolver desde a aula soa. A educación non pode asumir toda a responsabilidade, pero tampouco pode ignorar o contexto. Precisa coordinación con outros ámbitos sociais, sanitarios e comunitarios.
Neste sentido, o traballo en rede debe ser unha parte estrutural do sistema educativo, non algo excepcional. A educación social nos centros e a implicación do terceiro sector son fundamentais para dar resposta a realidades que van máis alá do académico. Non son apoios externos puntuais, senón parte do ecosistema educativo. Normalizar esta presenza significa entender que a educación non remata na aula e que o benestar do alumnado depende dunha rede de coidado compartido entre escola, servizos sociais, educación social e entidades sociais.
Hai algo que sabemos que funciona: cando un neno ou unha nena se sente escoitado, acompañado e recoñecido, todo cambia. E cando o traballo é coordinado entre profesorado, educación social, servizos sociais e terceiro sector, o impacto é moito máis sólido. Quizais deberiamos preguntarnos se é posible pedir igualdade á escola sen darlle as condicións para conseguila. Porque responder a isto non é só unha cuestión educativa, senón unha responsabilidade colectiva.
Carlos Rosón
Director de IGAXES