A convocatoria de axudas ao alugueiro esquécese da xuventude ex tutelada

Unha oportunidade perdida. As mozas e mozos ex tutelados non terán preferencia para recibir axudas ao alugueiro en Galicia.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivienda da Xunta de Galicia publicada o 28 de xuño non fai ningunha mención expresa á xuventude ex tutelada.

O colectivo non figura entre os de acceso preferente nin se lle considera prioritario en caso de empate. Xa sucedía así no texto do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, no cal se enmarca esta Orde.

A mocidade ex tutelada necesita políticas de discriminación positiva pola súa excepcional vulnerabilidade. Non mencionala nun plan de vivenda implica considerar que saen ao mundo en igualdade de condicións que o resto da mocidade. E isto en absoluto é así.

Foron protexidos pola administración mentres foron menores. Cando saen do sistema de protección non teñen unha casa familiar á que volver. Están especialmente afectados polo paro e a temporalidade laboral. Necesitan unha solución de continuidade en termos de vivenda para non quedaren desprotexidos.

Pedimos que se garanta o seu dereito a un fogar

O pasado 12 de abril trasladamos unha petición formal ao Instituto Galego de Vivenda e Solo. Nela solicitamos o acceso preferente destes mozos e mozas ás axudas ao alugueiro. E tamén que teñan acceso directo e gratuíto á vivenda pública cando saian do sistema de protección.

Consideramos unha oportunidade perdida desestimar a primeira proposta. Pero desde igaxes seguimos solicitando:

  • Que na creación da Rede de Vivendas de Inserción de Galicia se realice unha reserva do parque de vivendas para o acceso directo das mozas e mozos ex tutelados pola Xunta de Galicia menores de 35 anos.
  • Que a duración mínima da súa estadía sexa dun mínimo de 2 anos con opción de prórroga.