Investir na infancia non pode esperar

A pobreza familiar afecta o 31% da infancia e adolescencia en España: un de cada tres nenos e nenas padecen pobreza ou exclusión. En Galicia son máis de 90.000.

Poñer a infancia como prioridade pública non pode esperar máis. Hai apenas uns meses, a ONU alertaba da súa “seria preocupación” polo baixo investimento que España dedicaba á protección da infancia. Agora que vén de crearse o Alto Comisionado para a Pobreza Infantil, en igaxes consideramos urxente acometer medidas nestas catro áreas.

1. Axudas ás familias

A única axuda directa por fillo/a a cargo é de 24,25 euros mensuais. E só unha de cada 10 familias a percibe. É preciso aumentar esta axuda ata equiparala coas das principais economías da UE (entre 80 e 180 euros por fillo/a menor de idade) e tamén incrementar o umbral de renda para poder percibilas.

Neste sentido debe terse especialmente en conta a situación das familias monoparentais. Máis da metade das nais soas con fillos están baixo o umbral da pobreza.

2. Saúde e protección

Tanto Nacións Unidas como outras organizacións internacionais como Save The Children levan longo tempo demandando unha Lei de Protección á Infancia para dar unha resposta firme e eficaz ante as situacións de desamparo que afectan cada día a moitas nenas e nenos. 

Á espera de que esta lei integral chegue finalmente, é da máxima urxencia establecer protocolos de detección e atención inmediata ante casos de violencia, abuso ou situacións que poñan en perigo o benestar e a saúde física e emocional das nenas e nenos. Escola, servizos sociais, sanitarios e de seguridade deben actuar conforme a eses protocolos e en coordinación permanente.

3. Equidade educativa

A relación entre pobreza e fracaso escolar é un feito probado. Pero o sistema educativo non está a darlle resposta ás necesidades do alumnado máis desfavorecido.

Para que todo alumnado poida aprender en igualdade de condicións é preciso investir en equidade. Isto implica garantir transporte, comedor e material escolar. Pero tamén reforzo educativo, atención psicosocial e servizos de logopedia.

Tamén cómpre reforzar o sistema de bolsas na etapa obrigatoria, flexibilizando os requisitos de concesión e renovación. E ofrecer cobertura para actividades culturais, deportivas ou de participación comunitaria fóra de horario escolar.

4. Lecer e conciliación

Ningún neno ou nena debera ter que pasar as tardes sen compañía. Son precisas medidas concretas para as familias que carecen de recursos para conciliar. En igaxes apostamos por converter gradualmente as escolas en centros comunitarios, dotados de recursos e capacidade para albergar, fóra do horario escolar, actividades para aprender, xogar e relacionarse.

En territorios con alta dispersión poboacional como Galicia, estas medidas deben complementarse cun servizo de comedor-merenda e unha rede de transporte axeitados para que ninguén se vexa discriminado por razón xeográfica.

“Investir na infancia
siempre debe ser unha prioridade”


Quero coñecer as campañas de igaxes e acepto a política de privacidade


Máis historias

Carmen quiere cumplir su sueño de graduarse en la universidad

“Non quero ser unha excepción”

O 75% da xuventude tutelada abandona os estudos prematuramente. Carmen está decidida a facer algo para que isto cambie.