Como organización que acompaña a mozos e mozas estranxeiros e traballa cada día a prol da súa integración na sociedade, desde Igaxes queremos expresar o noso frontal rexeitamento a calquera discurso ideolóxico que incite ao odio e atente contra os dereitos fundamentais e contra os principios de igualdade e concordia entre todas as persoas.
Foto: Agostiño Iglesias (La Voz de Galicia)
Son apenas adolescentes e deixárono todo atrás. Moitos puxeron a súa vidas en perigo para chegar a Europa. Viaxaron na procura dunha vida digna, algo que non tiñan opcións de lograr nos seus países. É de todo irresponsable atribuírlles por defecto condutas contrarias a este propósito.
É falso que os menores estranxeiros non acompañados sexan máis conflitivos. Non hai ningún dato que relacione unha maior actividade delitiva ou violenta coa nacionalidade, nin nos seus centros de acollida, nin nos barrios ou localidades onde se ubican.
En cambio, si hai datos que apuntan ao contrario. Segundo o INE, o índice de criminalidade baixou en España precisamente naqueles anos (de 2000 a 2014) nos que máis creceu a poboación estranxeira (do 2% ao 10,7%).
O discurso de odio crea unha atmosfera social de alarma e responsabiliza as persoas diferentes de “non integrárense”. Pero da súa integración é primeira responsable a sociedade de acollida. E esta imponlles -sobre todo debido á normativa de Estranxeiría- toda clase de condicións e obstáculos.
Á súa chegada, a protección institucional que se lles brinda dá moitas veces respostas únicas a realidades diversas. Cada persoa é distinta e ten necesidades distintas. Teñen dereito a expresalas, a decidir sobre o seu futuro e a contar con profesionais especializados que os respalden nese camiño.
Pero estas mozas e mozos apenas contan con apoios para aprender. O sistema educativo non ten solucións adaptadas e condénaos ao fracaso. Son casos habituais os mozos derivados a unha aula de ESO na que nin sequera poden comunicarse porque non coñecen o idioma. É preciso contemplar xa recursos e adaptacións curriculares que dean garantías reais ao seu futuro escolar.
Para eles, a burocracia endureceuse. Nos últimos meses observamos que obter o permiso de residencia é cada vez máis arduo, e nuns territorios máis ca noutros. Os procesos dilátanse e, mentres agardan, non teñen dereito a tarxeta sanitaria, a facer deporte federado, a obter un título oficial nin a inscribirse no sistema público de emprego.
Canto ao permiso de traballo, só un contrato dun ano a xornada completa os habilita para solicitalo. A empresa contratante debe ademais estar disposta a tramitar os permisos e agardar ata varios meses pola resolución. Neste tempo, o mozo non pode traballar legalmente.
Ademais de aliviar todos estes trámites, debe existir para eles un plan real de integración na comunidade de destino. É imprescindible evitar os centros gueto e coordinar accións con asociacións e movementos civís locais. Necesitan oportunidades para crear vínculos con persoas do seu novo barrio ou cidade porque eses serán os seus referentes no futuro.
Son menores. Están sós. Fuxen da pobreza e da violencia. Das enormes desigualdades nos seus lugares de orixe, Europa tamén é responsable histórica. Tanto as administracións públicas como a sociedade no seu conxunto temos a obriga de acollelos como propios, igual que os demais nenos e nenas tutelados. Non facelo é vulnerar o seu dereito á protección especial refrendada na Carta Universal dos Dereitos da Infancia.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.