
Nos últimos anos, a saúde mental converteuse nunha das grandes preocupacións sociais, especialmente entre a mocidade. En Galicia, as consultas psicolóxicas aumentaron máis dun 40 % desde a pandemia. Ademáis, o número de menores con problemas de ansiedade ou depresión duplicouse nunha década. Pero detrás destas cifras hai unha realidade silenciosa: milleiros de nenas, nenos e mozas teñen dificultades para acceder con regularidade ao apoio profesional que precisan.
En Igaxes, traballamos cada día con mozos e mozas en situación de vulnerabilidade. Coñecemos de preto o impacto que o sufrimento emocional ten nas súas vidas. Sabemos que sen apoio psicolóxico é moito máis difícil romper o ciclo da exclusión. Por iso, este outono quixemos dar un paso máis e transformar a preocupación en acción.
Así naceu a colaboración entre o futbolista Brais Méndez, a marca de roupa Nowhere, e Igaxes. Así creamos unha camiseta solidaria coa que financiar bolsas de apoio psicolóxico para infancia e mocidade en risco. A iniciativa, busca ofrecer arredor dun ano de terapia profesional para quen máis o precisa.
O 100% dos beneficios desta prenda destínanse integramente a cubrir sesións de terapia. Cada bolsa cubrirá unha sesión de atención psicolóxica semanal durante un ano enteiro, cun custo estimado de 3.000 euros. As bolsas concederanse segundo as necesidades detectadas polos equipos educativos de Igaxes nos centros educativos de Galicia.
“Recibir atención psicolóxica non debería ser un luxo. Eu tiven a sorte de contar con apoio nos momentos difíciles da miña carreira, e sei o importante que é. Quero poñer a miña voz ao servizo de quen non a ten”, explicaba Brais Méndez na presentación da campaña.
A implicación de Nowhere, marca que naceu xa cun compromiso ambiental e de consumo sostible, dálle tamén unha nova dimensión ao proxecto. Son a demostración de que a moda pode converterse nun vehículo de cambio. “Para nós esta camiseta é máis ca unha peza: é unha declaración”, sinalou Yago Castro, CEO da marca. A través dun deseño exclusivo e adquirindo un forte compromiso social agora, a colaboración con Igaxes de Nowhere pon en valor o poder das alianza entre sectores que comparten unha mesma visión: a de construir un futuro máis consciente e comprometido. Queremos facer visible que o acompañamento emocional é tan necesario como o educativo ou o laboral. Que o apoio de entidades e persoas comprometidas pode marcar a diferenza entre avanzar ou quedar atrás.
Cada camiseta convertese en algo máis que unha prenda: é unha oportunidade para mudar vidas.
Xa podes conseguir a tua na nosa páxina principal ou en Nowhere.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.