30 Xuñ Que é un delito de odio?
O delito de odio é unha realidade que afecta a miles de persoas cada ano. Estes van moito máis alá dunha simple agresión ou un insulto. O que os distingue doutros delitos é a motivación: a vítima é atacada non polo que fixo, senón polo que é.
Dende fai un tempo, a loita contra os delitos de odio converteuse nunha prioridade para moitas institucións. As persoas que o sofren (xa sexa de maneira reiterada ou illada) adoitan sentir medo, ansiedade, perda de confianza ou sensación de vulnerabilidade. Ademáis, rematan xerando inseguridade e dificultando a participación plena na vida social de outras persoas por poder compartir identidade coas afectadas.
Que se considera un delito de odio?
Chamamos delito de odio a un ataque a unha persoa ou un grupo de persoas imotivado por un prexuizo ou característica concreta que afecta a sua identidade.
No noso país, estes ataques considéranse dentro do Código Penal como un agravante. Dentro das diferentes condutas relacionadas co discurso e a incitación ao odio, atopamos:
- Nacionalidade, cor de pel, orixe racial ou étnica.
- Relixión ou crenzas.
- Sexo, a identidade ou expresión de xénero ou orientación sexual.
- Discapacidade.
- Enfermidade.
- Situación de exclusión social ou outros factores similares recollidos na lexislación.
Isto significa que unha mesma agresión (xa sexa física, de ameaza, un dano material ou un acto de acoso) pode adquirir unha gravidade maior cando está motivado por algún destes prexuízos. En resumo: se algún tipo de violencia ven acompañada dun motivo de discriminación, estamos ante un delito de odio.
Mocidade en situación de tutela: un dos colectivos afectados
As nenas, nenos e adolescentes que forman parte do sistema de protección medran arrastrando este tipo de violencia. Estereotipos e prexuízos que condicionan a forma na que son percibidos pola sociedade. Aínda hoxe seguen mesturandose as suas realidades con outras que non teñen nada que ver coas súas circunstancias de vida. Isto os leva moitas veces a ocultar certas partes da sua identidade.
Este estigma pode traducirse en comentarios despectivos, aillamento social, dificultades para establecer relacións e discriminación no acceso ao emprego ou á vivenda. Non todas estas situacións constitúen xuridicamente un delito de odio, pero todas elas teñen un impacto moi negativo na vida das persoas afectadas e contribúen á súa exclusión.
Que facer se és vítima ou testemuña?
Se sofres ou presencias un posible delito de odio, é recomendable:
- Poñer os feitos en coñecemento das Forzas e Corpos de Seguridade.
- Gardar probas como mensaxes, fotografías, vídeos ou capturas de pantalla.
- Buscar apoio en entidades especializadas na atención ás vítimas.
- Non minimizar o sucedido nin asumir que forma parte da “normalidade”.
A denuncia é fundamental para protexer á vítima e para previr novas agresións e mellorar o procedemento e a actuación sobre este fenómeno.