Posicionamento de Igaxes sobre os casos de explotación sexual a mozas e mozos tutelados

 

Como organización que leva 15 anos acompañando a mozas e mozos tutelados, queremos mostrar a nosa máis profunda preocupación ante os casos recentemente coñecidos de explotación sexual a mozas residentes en centros de protección de Baleares.

Defendemos a necesidade de extremar todas as medidas e protocolos contra calquera tipo de violencia ou abuso exercido contra estas mozas e mozos para que estas situacións nunca se produzan.

E queremos ademais alertar sobre o perigo de criminalización que estas informacións supoñen para as nenas, nenos e adolescentes en protección. Unha criminalización que se suma aos prexuízos sociais que tan inxustamente os identifican como persoas conflitivas.

A maioría das nenas, nenos e adolescentes tutelados padeceron unha das formas máis graves de vulnerabilidade: unha infancia sen afecto. As súas familias non puideron, non souberon ou non quixeron coidar deles e delas.

Esa ferida profunda que moitos levan consigo fainos especialmente fráxiles ante situacións que lles prometan algún tipo de recompensa afectiva. Pode deixalos moi expostos ao perigo ou a violencia. A situacións das que son sempre vítimas, nunca responsables.

Ningunha persoa menor se prostitúe. É prostituída por outros. Se estes casos existen é porque a prostitución existe na nosa sociedade. Os responsables primeiros de toda explotación sexual son os consumidores de prostitución e aqueles que a fan posible.