16 Set Os dereitos non poden quedar na lista de espera
A reforma do regulamento de Estranxeiría segue paralizada. Como as oportunidades de futuro de miles de mozos e mozas que migraron soas.
Cada día conta. A reforma do regulamento de Estranxeiría continúa paralizada e o presente e o futuro de miles de mozos e mozas non acompañadas seguen en suspenso. Mentres pasan os días, os seus dereitos permanecen cancelados e na lista de espera.
O borrador difundido en abril polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións contiña cambios imprescindibles para que eses dereitos non se sigan vendo vulnerados. Miles de mozos e mozas afectadas e centos de organizacións sociais estamos a reclamar que se reactive o proceso de forma inmediata.
E agardamos, ante a falta de informacións posteriores, que esta paralización non signifique unha revisión á baixa das reformas previstas.
Esta espera produce unha enorme indefensión. Moitas persoas poden ver revocados os seus permisos de residencia e traballo. Cada día de espera é outro día sen poder acceder a un traballo, a unha vivenda. Outro día sen saber se teñen un futuro aquí. Na mesma sociedade que lles deu protección mentres foron menores.
Por que é tan urxente esta reforma?
En primeiro lugar, para acabar coa odisea dos permisos. Mentres son menores viven en centros de protección. Teñen permiso de residencia e de traballo. Pero cando cumpren os 18 e teñen que saír dos centros, poden perdelo todo.
Para renovaren os papeis deben acreditar ingresos equivalentes ao 100% do IPREM -actualmente 565€ mensuais- só en concepto de salario. Por mor da súa baixa cualificación, teñen que optar a empregos remunerados co salario mínimo. Na práctica, isto obrígalles a atopar contratos estables a xornada completa, algo moi difícil no noso actual mercado de traballo.
A reforma pendente facilitaría acreditar eses medios económicos. O baremo pasaría a ser o 100% do Ingreso Mínimo Vital para unha soa persoa, é dicir, uns 470€ mensuais. Para chegar a esa cifra non só contará o salario, senón tamén outras axudas sociais que a persoa poida percibir.
Este cambio fará un pouco máis flexible o seu acceso ao traballo. Poderán optar a contratos de menos horas, o que facilitará o seu acceso ao primeiro emprego. Tamén debera ampliar os sectores económicos aos que poderen optar.
Abriríase ademais unha porta a algo impensable ata o de agora: compaxinar o traballo con estudos e formacións. Isto é fundamental para a súa integración social e para que poidan levar adiante un proxecto de vida. Por iso deberá seguir desenvolvéndose en reformas futuras.
Prazos discriminatorios
O borrador tamén prevé unha serie de cambios fundamentais para reducir a burocracia e os tempos de espera. O máis importante neste aspecto é a redución do prazo administrativo para iniciar os trámites de residencia: dos nove meses actuais a un máximo de quince días.
As longas esperas son discriminatorias en si mesmas. Moitos mozos e mozas ex tuteladas cumpren a maioría de idade coa documentación sen resolver. Caen así nunha irregularidade sobrevida. A reforma terá efecto retroactivo para que as persoas afectadas con idade entre 18 e 23 anos poidan solicitar a renovación.
© Foto: Agostiño Iglesias (La Voz de Galicia)