30 Xul O verán non é igual para toda a mocidade
Para moitas mozas e mozos, o verán é sinónimo de descanso, vacacións, tempo de lecer… Un espazo de tempo para desconectar da rutina, recuperar forzas ou pensar con calma cal será o seguinte paso. Aínda que adoita asociarse a unha pausa nas obrigas cotiás, non todas as persoas mozas viven esta época do ano da mesma maneira. Moitas delas, nin teñen as mesmas oportunidades para facelo.
Un verán adicado as oportunidades
Nunca hai dous veráns iguais. Algúns mídense en festivais, viaxes, días de praia… Pero tamén hai quen aproveita estes meses para reforzar a súa autonomía. Hai quen comeza co seu primeiro emprego, quen busca vivenda para emanciparse, quen repite o plan do verán pasado para seguir aforrando de cara á volta ás aulas… Ou quen decide investir este tempo en formarse para ampliar as súas posibilidades de futuro. Para moitas rapazas e rapaces, o verán non representa necesariamente unha pausa. Moitos ven en esta época unha oportunidade. Un momento para avanzar pouco a pouco cara aos seus obxectivos, xuntando as pezas dun mesmo proxecto de vida: dar un paso máis cara a construír a realidade que queren.
Ou adicado as persoas
Ao mesmo tempo, esta temporada tamén é unha ocasión para crear novos vínculos e fortalecer os xa existentes. Para participar na vida da comunidade, coñecer xente nova ou recuperar amizades. O verán é perfecto para compartir momentos con persoas ás que durante o curso apenas se lles pode dedicar tempo. Ser unha persoa autónoma non significa camiñar en solitario. Contar cunha rede de apoio, sentir que se forma parte dun grupo ou saber que hai persoas coas que compartir as dificultades e tamén os logros acaba sendo tan importante como conseguir ou manter un emprego.
As realidades son diferentes e seguirán séndoo. Cada persoa ten unha historia, un contexto e un ritmo propios, e iso non é o problema. O verdadeiro reto está en que esas diferenzas non determinen o futuro de ninguén, senón en que todas as persoas teñan a liberdade de elixir o seu propio camiño. Contando cos apoios, os recursos e as oportunidades necesarias para facelo en igualdade de condicións. Deste xeito, cada paso, por pequeno que pareza, pode converterse nun avance cara a unha vida máis autónoma e con máis posibilidades de futuro.