O ingreso mínimo vital deixa fóra as mozas e mozos ex tutelados

 

O ingreso mínimo vital publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado supón un avance decisivo para a xustiza social. Porén, desde Igaxes consideramos un gran erro que se fixe en 23 anos a idade mínima. E que para solicitalo sexan necesarios outros 3 anos previos de emancipación.

Isto exclúe a práctica totalidade da xuventude ex tutelada e sen apoio familiar que se ve obrigada a emanciparse sen o apoio dunha familia. Son mozos e mozas están nunha situación especialmente vulnerable. Viviron en centros de protección porque non tiñan un fogar adecuado no que vivir. Non teñen unha familia á que volver cando saen do sistema a partir dos 18 anos.

Necesitan un traballo para saíren adiante. Pero as súas opcións de futuro están agora máis mermadas que nunca. A raíz da crise sanitaria, só o 8,5% da xuventude ex tutelada está traballando. Outro 10,8% está en situación de ERTE. Son datos do noso informe “Do confinamento á exclusión”, que presentamos o pasado 13 de maio.

Neste mesmo informe agardabamos que o IMV servise “para que as persoas con alto risco de exclusión, como a mocidade tutelada e ex tutelada, non vexan cronificada a súa situación de pobreza”.

Porén, o texto publicado hoxe no BOE deixa fóra este colectivo. Deberán agardar ata os 23 anos e levar polo menos 3 anos emancipados para poderen acollerse.

En Galicia, a idade media de emancipación da mocidade tutelada ao abeiro do Programa Mentor son os 19 anos. Moitos veñen de perder o seu traballo e moitos outros buscaban o seu primeiro contrato. As mozas e mozos estranxeiros vense aínda máis afectados por este requisito. Se non encontran outro emprego, perderán o seu permiso de traballo antes de dous anos.

Esta omisión é especialmente grave na actual situación de crise. Sectores prioritarios para a inserción da mocidade en risco, como a hostalería ou o comercio, son os máis afectados polos efectos do coronavirus. Unha maioría dependerán de rendas mínimas (RISGA) para poderen subsistir.

Por iso desde Igaxes esperamos que esta omisión sexa urxentemente subsanada. A xuventude sen apoio familiar non pode quedar fóra do ingreso mínimo vital.

 

Primeiro paso cara a unha renda básica universal 

En Galicia, seis de cada dez fogares vulnerables onde viven menores viron agravada a súa situación a raíz da crise sanitaria. O IMV permitirá que moitas delas vexan aliviada esta situación. Especialmente aquelas que non percibían ningún salario ou tiñan ingresos moi baixos.

A nova renda presenta acertos importantes, como a adaptación da contía por número de fillas e fillos; a achega complementaria para familias monomarentais e monoparentais; ou a asignación directa a vítimas de trata e de violencia de xénero. Tamén é de celebrar que sexa compatible co emprego e con outras rendas mínimas como a RISGA.

Con todo, entendemos o IMV só como un primeiro paso cara a unha renda básica realmente universal. Segue sendo urxente chegar a todas as persoas e fogares vulnerables. Só desde unha renda universal será posible acabar coa pobreza infantil e xuvenil.