‘Non nos xulgues’: unha campaña para acabar co estigma que padece a mocidade tutelada

 

  • Medran en centros de menores porque carecen do respaldo dunha familia, pero parte da sociedade aínda pensa que fixeron algo malo.

  • A web nonnosxulgues.gal recrea unha visita virtual a un centro tutelado para coñecer as historias das mozas e mozos que alí viven.

 
Santiago de Compostela, 16 de xuño – As mozas e mozos que medran nun centro de menores non son máis conflitivos, nin menos estudosos ou traballadores ca o resto da xuventude. A única razón pola que viven baixo a tutela do sistema público de protección é porque non contaron cun fogar seguro no que crecer.

Aínda así, parte da sociedade continúa a xulgalos, colocándolles etiquetas inxustas que pesan e discriminan. Por iso Igaxes presentou esta mañá, coa participación da Consellería de Política Social, a campaña Non Nos Xulgues, que pretende acabar cos prexuízos sociais que afectan as máis de 1.000 nenas, nenos e adolescentes que viven en centros de protección de Galicia.

Cada ano, centos de adolescentes saen do sistema público de protección en Galicia. Dan o salto á vida adulta aos 19 anos de idade media, dez menos que o resto da xuventude.

Coa campaña de sensibilización ‘Non Nos Xulgues’, Igaxes quere achegar á cidadanía a realidade destes nenos e nenas de primeira man: son Monse, Diógenes e Francesca quen nos contan a súa propia historia abríndonos as portas do piso no que viven.

Un salto sen rede á vida independente

Igaxes é desde 2005 a organización responsable de desenvolver o programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, que acompaña a mocidade tutelada no seu camiño cara á vida independente. Estas mozas e mozos poden permanecer nas vivendas Mentor ata os 21 anos -mesmo ata os 25 se é preciso-, pero a súa idade media de emancipación son os 19 anos.

Nas vivendas tuteladas, e baixo o apoio de profesionais socioeducativos, estes mozos e mozas prepáranse para a vida adulta. É un proceso contra o reloxo, porque cando sexan maiores de idade terán que dar o salto á vida adulta sen apenas rede de apoio.

Cando saen do sistema de protección non teñen unha familia á que volver. Por iso atopar un posto de traballo é vital para as persoas tuteladas. Se non logran un traballo ou o perden, o seu risco de exclusión pode multiplicarse severamente.

“Non queremos sentirnos xulgadas”

A estas dificultades únese unha barreira máis: a desinformación e os prexuízos provocan que a estes mozos e mozas se lles asignen etiquetas inxustas. Parte da sociedade aínda pensa que medraron en centros porque fixeron algo malo ou porque son persoas conflitivas, cando a verdadeira razón é que as súas familias non puideron ou non souberon coidalas.

Este estigma é un peso engadido ás cargas que xa soportan e ‘Non Nos Xulgues’ nace para combatelo. Contará con paneis informativos itinerantes que rotarán por medio cento de concellos de Galicia, tanto en espazos públicos como en grandes áreas comerciais grazas á participación de concellos, empresas, universidades e entidades colaboradoras.

Unha visita virtual a un centro real

Na web interactiva www.nonnosxulgues.gal, Monse, Diógenes e Francesca narran as súas propias experiencias e abren as portas da súa casa, coa única vontade de compartir a súa realidade e derrubar prexuízos.

Nas redes sociais, Igaxes espallará a voz das persoas tuteladas baixo o hashtag #NonNosXulgues, animando a toda a cidadanía a compartir esta mensaxe para que acabar co estigma se convirta nunha misión colectiva.