13 Mai Informe Covid19 – A infancia e a mocidade en risco, aínda máis indefensas
Presentamos o informe ‘Do confinamento á exclusión’: os efectos da crise sanitaria deixan aínda máis desprotexidas as nenas, nenos e mozos que xa estaban en situación vulnerable en Galicia.
13 maio 2020
A crise do coronavirus non nos afecta a todas as persoas da mesma maneira. Para quen xa antes o tiña máis difícil, o impacto é máis profundo. Sobre todo cando se trata das crianzas e da mocidade máis indefensas.
Igaxes presentou esta mañá o informe Do confinamento á exclusión: impacto da crise sanitaria na infancia e a mocidade máis vulnerables en Galicia. É un estudo urxente que mide as súas consecuencias económicas, sociais e educativas. Na consulta participaron máis de 500 persoas mozas e familias con fillos e fillas menores de toda Galicia.
Á vista dos resultados, desde Igaxes queremos elevar unha voz de alarma sobre os altos riscos que esta crise trae para o benestar e as oportunidades de futuro da infancia e a xuventude máis vulnerables.
Da vulnerabilidade á emerxencia
Antes da crise sanitaria, un de cada cinco nenos, nenas e adolescentes en Galicia vivía nun fogar en situación de pobreza. Son arredor de 80.000 nenos e nenas que medraron máis desprotexidas, só por naceren nesta situación.
A día de hoxe, seis de cada 10 fogares desfavorecidos onde viven menores viron agravada ou moi agravada a súa situación pola crise.
O 74% das nais e pais consultadas no informe estaban a traballar antes do estado de alarma. Un mes máis tarde, só o 43% seguen traballando e o 18% están afectados por ERTE.
A meirande parte destas familias xa carecían de aforros. Se antes chegaban a fin de mes con dificultades, agora deben facelo cun 30% menos de ingresos, no mellor dos casos.
Todo isto fai aínda máis fráxiles os nenos e nenas. O empobrecemento pon en risco o adecuado da súa alimentación e a súa saúde emocional. Tamén afecta o seu desenvolvemento cognitivo e as súas oportunidades de aprender e de relacionarse.
Ademais, a sensación de incerteza ante o futuro poden agravar estados de malestar e conflito nos fogares. Ante eles, as crianzas están sempre máis desprotexidas.
Mocidade en alto risco
No mes de marzo só un 23% das mozas e mozos consultados tiñan traballo. Pero tres semanas despois de declararse o estado de alarma, só seguen traballando o 8,5% e outro 10,8% está afectado por ERTE.
A mocidade afectada vese agora nunha situación de extrema dificultade. Aínda que poidan recibir subsidios, as súas prestacións medias serán moi baixas e de curta duración: unha gran maioría tiñan contratos precarios e unha vida laboral moi escasa.
Moitos rapaces e rapazas que buscaban o seu primeiro emprego vense case sen opcións de atoparen un medio de vida. O freo á contratación será case total en sectores preferentes como a hostalería ou o comercio.
As persoas ex tuteladas e a xuventude migrante non acompañada quedan nunha situación de especial fraxilidade, xa que carecen de apoio familiar.
Empobrecemento das mulleres
Tamén esta crise discrimina máis a poboación feminina. O 84% das mulleres entre 16 a 29 anos en risco de exclusión están desempregadas e outro 9% afectadas por un ERTE.
De entre as nais maiores de 30 anos, unha de cada dúas viu alterada a súa situación laboral nesta crise. E máis grave aínda é a situación que afrontan moitas nais soas con nenas e nenos ao seu cargo. De cada dez familias monomarentais, catro sairán do estado de alarma sen emprego e outras dúas están en ERTE.
Renda mínima universal
A magnitude desta crise fai impostergable implantar unha renda mínima universal ambiciosa. Debe ser universal, incondicional e compatible con outras prestacións.
Debe servir para dignificar a vida das persoas máis vulnerables. Para garantir a seguridade e o benestar da infancia. Para preservar o dereito de todas as persoas mozas a un futuro.
Esta crise tamén fixo máis evidente ca nunca que o alumnado máis desfavorecido non pode aprender en igualdade de condicións. Son urxentes políticas educativas de investimento en equidade para que todo o alumnado poida partir cada novo curso desde a mesma liña de saída.