Derecho de vivienda

As axudas para alugar vivenda volven esquecer a mocidade ex tutelada

A resolución publicada onte non a inclúe entre os colectivos con acceso preferente

 

As axudas ao alugamento que promove o Instituto Galego de Vivenda e Solo volven desoír as necesidades especiais da mocidade ex tutelada. Ao non considerala colectivo de acceso directo, estas mozas e mozos deberán concorrer ás axudas como calquera outra persoa moza que si conta con apoio familiar.

Os mozos e mozas tuteladas non se emancipan en igualdade de condicións que o resto da mocidade. A resolución, publicada onte no DOG, obvia a importancia decisiva que ten a ausencia dunha familia na vida dunha persoa moza.

En Igaxes solicitamos desde 2018 que se garanta o dereito á vivenda de todas as persoas ex tuteladas. Gozaron de protección especial mentres foron menores. Pero, unha vez saltan ao mundo, moitas deben facer a súa vida en precario e sen axuda.

 

Ningunha persoa ex tutelada sen casa

Calquera política pública de vivenda debe considerar as persoas ex tuteladas colectivo de acceso preferente. Considerámolo así por estas razóns:

  1. Moitas non teñen unha vivenda familiar á que volver cando saen do sistema de protección de menores. Están obrigadas a atopar un medio de vida cando cumpren a maioría de idade, ou mesmo antes.

 

  1. Para acollérense ás novas axudas deben acreditar uns ingresos mínimo do 0,7% do IPREM. Iso equivale a uns ingresos anuais de 5.536€. Moitas das que traballan a tempo parcial, ou só logran traballar uns meses ao ano, non chegan a esta cantidade. Isto pode levalas a ter que alugar pisos con prezos baixos en malas condicións de habitabilidade. No peor dos casos, incluso á rúa.

 

  1.  De acordo cos datos do noso informe 2020, a taxa de ocupación para a mocidade en risco de exclusión en Galicia era do 32%. Despois dun ano de pandemia, a taxa de ocupación baixou ata o 25%. Baixará máis aínda co peche de empresas que teñen persoal en ERTE.

 

  1. A ausencia dunha familia é un dos factores que máis multiplican o risco de abandono escolar prematuro. Catro de cada cinco persoas ex tuteladas teñen un nivel formativo baixo ou moi baixo. Por esta razón, as súas opcións de atopar emprego ou de melloralo son moi escasas.

 

Por todas estas razóns seguimos pedindo:

  • Que todas as persoas ex tuteladas sexan consideradas de acceso preferente nas axudas ao alugamento para menores de 35 anos.
  • E que, se carecen de ingresos, teñan acceso gratuíto a vivenda pública durante unha estadía mínima de dous anos con opción a prórroga.

 

Se estás de acordo, firma a petición