15 Abr Aprobada no Congreso a Lei Integral de Protección á Infancia e a Adolescencia
Celebramos a súa aprobación con amplo consenso e agardamos que axiña se vote no Senado para a súa entrada en vigor.
É unha emerxencia implantar un marco legal que protexa as nenas, nenos e adolescentes que hoxe sofren violencia, abuso ou desprotección. Á espera do texto definitivo, desde Igaxes consideramos que a lei establece avances moi importantes nestes ámbitos:
Na loita contra o abuso e a violencia
Establécese o deber de denuncia, imprescindible para que miles de casos silenciados poidan saír á luz. Amplíanse os supostos de desamparo, o que permitirá loitar contra a desprotección que moitas crianzas padecen no seu ámbito familiar. Ademais, aumenta o prazo de prescrición do delicto ata que a vítima cumpra os 35 anos. Isto daralle máis tempo ás vítimas para denunciar (ata agora estaba nos 18 anos).
Na defensa dos dereitos dos nenos e nenas
Fíxanse máis garantías para o interese superior do neno e da nena. Este será determinado en cada caso concreto e non de forma xenérica, como ata agora. E tamén se refoza o dereito da infancia a ser escoitada. A partir de agora, a denuncia dun neno ou nena será recoñecida con independencia da súa idade ou madurez.
Na protección especial da infancia e a adolescencia
Pasarán a considerarse vítimas en todos os casos de violencia machista. É tamén fundamental -se ben debera ampliarse polo menos ata os 16 anos- a implantación da proba preconstituída para menores de 14. Isto impedirá a súa revictimización e reducirá o seu sufrimento durante o proceso xudicial.
Educación contra a violencia
Tamén saudamos a implantación da educación afectivo sexual en todas as etapas educativas. Confiamos en que veña acompañada de protocolos claros, unificados e participados polo alumnado.
Eses protocolos deben aspirar a ser eficaces na prevención do abuso e do maltrato, do acoso escolar, o ciberacoso, o acoso sexual, a violencia de xénero, a autolesión, o suicidio ou calqueroutra forma de violencia. Para iso é necesario que se fixen claramente as competencias da nova figura do “coordinador de benestar”.
Garantías de aplicación
Agardamos que esta Lei estea acompañada das garantías orzamentarias que require un asunto de Estado como é a protección á infancia. Tamén son precisas garantías para que a xestión dos rexistros unificados e a coordinación entre administracións e profesionais sexan impecables.