Hai historias que acaban convertidas en espectáculo. O caso de Noelia foi ocupando titulares, faladoiros e conversas nos últimos días, e con iso chegou algo que debería incomodarnos máis do que parece: a exposición minuciosa da súa vida íntima, case coma se cada detalle fose necesario para entender —ou xulgar— a súa decisión final.

Acompañar… Ou non

Hai historias que acaban convertidas en espectáculo. O caso de Noelia foi ocupando titulares, faladoiros e conversas nos últimos días, e con iso chegou algo que debería incomodarnos máis do que parece: a exposición minuciosa da súa vida íntima, case coma se cada detalle fose necesario para entender —ou xulgar— a súa decisión final.

Acompañar ou non

Reconstrúense traxectorias persoais, sinálanse episodios, enuméranse circunstancias. Todo se ordena para que encaixe nun relato que atrape, que impacte, que xere posicionamentos rápidos. Pero nese proceso hai algo que se perde: a mirada cara á persoa e, sobre todo, cara ao que como sociedade hai detrás desa historia. Non se trata aquí de opinar sobre a eutanasia nin de cuestionar decisións individuais ou familiares. O foco, quizais, debería estar noutro lugar. Porque cando unha vida remata converténdose nun caso mediático, corremos o risco de simplificar o complexo. De pensar que todo comeza nun momento concreto e culmina nunha decisión final, coma se o que hai no medio fose unha sucesión de feitos illados. E non o é.acompañar

 

Acompañar non é únicamente garantizar o básico

Calquer traxectoria está atravesada por múltiples factores, por apoios que chegan ou non chegan, por momentos nos que alguén está —ou non— cando máis falta fai. E aí é onde aparece unha cuestión incómoda: o acompañamento. Nese percorrido hai un elemento que non deberiamos pasar por alto. Falamos dunha moza que, nunha parte da súa vida, estivo baixo a tutela da Administración. E isto non debería servir para etiquetar nin para explicar a súa historia de forma simplista, pero si para lembrar algo esencial: cando unha nena ou un neno pasa a estar tutelado, a responsabilidade deixa de ser só familiar e pasa a ser, de maneira directa, colectiva.

É a sociedade —a través das súas institucións— a que asume o compromiso de coidar, de protexer e tamén de acompañar. E acompañar non é unicamente garantir o básico. É soster procesos no tempo. É xerar vínculos estables, referencias, continuidade. É estar tamén nas transicións, nos momentos nos que todo cambia, nos que unha persoa deixa de encaixar nun sistema e ten que construír o seu propio camiño.

Aí é onde moitas veces aparecen as fendas. Non porque falte vontade, senón porque os sistemas non sempre están deseñados para ofrecer ese acompañamento prolongado e adaptado a cada traxectoria. Porque ás veces os tempos administrativos non coinciden cos tempos vitais. Porque, en ocasións, a presenza dilúese xusto cando máis necesaria sería. E isto non é unha cuestión de casos individuais, senón de como entendemos a responsabilidade social. Porén, moitas veces funcionamos ao revés. Chegamos tarde. Activámonos cando o desenlace xa é extremo, cando a historia doe o suficiente como para captar atención. E entón miramos, opinamos, debatemos… pero sobre todo consumimos.

 

A dor en contido

Hai algo de consumo en todo isto. Convertimos a dor en contido. A complexidade en relato. A intimidade en material de análise pública. E facémolo con certa naturalidade, coma se fose parte inevitable da conversa social. Pero quizais deberiamos preguntarnos que implica iso, non só para quen está no centro da historia, senón para todos nós.

Este desenlace é dramático, si. Pero non o é unicamente polo que lle ocorre a unha persoa concreta. É dramático porque fala de algo colectivo. Dos momentos nos que, como sociedade, non soubemos —ou non puidemos— soster de maneira suficiente a quen nalgún momento dependeron directamente dese coidado común.

Non desde a culpa fácil, senón desde unha responsabilidade que é compartida. Falar de acompañamento non é sinalar traxectorias nin etiquetar a ninguén. É, precisamente, o contrario: recoñecer que cada vida é única. Que cada persoa necesita, en distintos momentos, distintos tipos de apoio. E que garantir iso non debería depender do azar nin da capacidade individual de resistilo todo.

Quizais o verdadeiro reto non está en analizar o final desta historia, nin en posicionarnos rapidamente ante ela. Quizais está en revisar que tipo de sociedade somos cando o que chega á portada é o desenlace, pero non os procesos que o preceden.

Acompañar non é invadir nin decidir polos demais. É estar cando importa, tamén cando non hai focos. É soster sen converter a vida de ninguén nun escaparate. E, sobre todo, é entender que cando unha historia así se volve pública, non estamos só ante un caso individual, senón ante un espello incómodo do que somos e do que aínda nos queda por facer.

 

 

Carlos Rosón

Director de IGAXES

La Voz de Galicia

 

Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.